#bnginforma
Novas
1

Mini Rivas visita Arzúa para informar sobre o "catastrazo"

O deputado nacionalista no Parlamento galego, Xosé Luis Rivas “Mini”, acompañou na mañá de hoxe á organización local do BNG en Arzúa nun reparto na feira de Arzúa para informar sobre o “catastrazo”.

Mini Rivas sinalou que este “catastrazo” é “unha medida máis dos gobernos do PP encamiñada a unicamente a recadar saindo damnificadas as rentas máis baixas, é dicir as pequenas e medianas empresas, as explotacións agrogandeiras, as vivendas ubicadas en solo rural etc.” indicou. “Unha medida coa que desde Madrid pretenden perpretar un novo roubo á nosa xente, máxime nun concello rural como Arzúa e coa mala situación que está a atravesar o sector agrogandeiro, fundamental para a economía do noso concello” dixo.

O BNG leva informando en Arzúa sobre o catastrazo desde o mes de marzo. “Presentamos tamén iniciativas no Parlamento galego para tentar porlle freo a estas medidas, onde nos atopamos co rexeitamento do PP. Tamén no concello de Arzúa presentamos unha moción á cal o alcalde fixo ouvidos xordos” explicou Denís Bermúdez, responsábel local do BNG en Arzúa.

Neste sentido, desde o Bloque sinalan que nos vindeiros meses prevén realizar charlas sobre o tema destinadas a informar á veciñanza e para combater “o escurantismo e a desinformación coa que o PP está a desenvolver este “catastrazo” explicou Bermúdez.

Ler novas