A POSTA EN MARCHA DO PLAN ESPECIAL DO CASCO ANTIGO, O ADECENTAMENTO DA CONTORNA DO POLÍGONO INDUSTRIAL E O APROVEITAMENTO DOS EDIFICIOS DA FEIRA DO GANDO, ESTÁN TAMÉN ENTRE AS PROPOSTAS DO BNG
Achegar o saneamento a todas as parroquias, a xeración de postos de traballo e o mantemento das estradas municipais, propostas do BNG de Arzúa para POS 2021
A organización nacionalista presentou estas propostas ante o alcalde “propostas útiles e moi necesarias, demandadas pola veciñanza, para termos unha Arzúa con futuro” expresou Carril
O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, presentou hoxe as propostas formuladas ante o alcalde pola organización nacionalista para seren tidas en conta á hora da solicitude do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.
“Un total de máis de 800 mil euros dos que Arzúa se beneficiará grazas á xestión transparente e equitativa do BNG á fronte do goberno da Deputación da Coruña” explicou Carril en relación ao POS 2021.
As propostas formuladas polo BNG “xiran en torno a dous eixos: cubrir as necesidades básicas da veciñanza, asentar poboación e xerar postos de traballo” sinalou Carril.
Así, entre estas propostas figuran a elaboración dun Plan de arranxo de pistas e estradas ou a planificación e dotación de saneamento e traída de augas a todas as parroquias do Concello. Ambas actuacións, sinalou Carril, “moi urxentes, que requiren de ser planificadas a futuro e írense cumprindo obxectivos para garantir que a veciñanza arzuá ten necesidades como a da mobilidade e o saneamento en condicións cubertas, algo que a día de hoxe é irreal en moitas partes do noso concello” expresou o Portavoz do BNG.
O asentamento poboacional e a xeración de novos postos de traballo en Arzúa tamén están entre as preocupacións das e dos nacionalistas. Así, entre as propostas formuladas contemplan “a creación dun Viveiro de empresas, que facilite o xurdimento de novos proxectos empresariais en Arzúa, xerando novos postos de traballo” explicou Carril. O adecentamento da contorna do Polígono Industrial e a preparación dos infrautilizados edificios da Feira do gando para novos usos, tamén figuran entre as propostas do BNG.
“Por último, non podemos esquencer, e máxime na situación de pandemia na que nos atopamos, a necesidade de que Arzúa desenvolva o Plan Especial do Casco Antigo, de maneira que poidamos recuperar e dinamizar unha zona de importante riqueza patrimonial no noso concello. Insistimos moito na necesidade deste Plan, xa que é a única maneira de revitalizar esta zona do concello, conectada co Camiño de Santiago, e que engadiría atractivo turístico a Arzúa ao tempo que construímos un concello máis humanizado e interesante para vivir” sinalou Carril.
O Portavoz nacionalista sinalou que se trata de “propostas útiles e moi necesarias, demandadas pola veciñanza, para termos unha Arzúa con futuro e que recupere a referencialidade perdida nos últimos dez anos no conxunto da comarca produto da política municipal deste alcalde, unha política acomodada, sen valentía e sen proxecto de futuro para Arzúa” concluíu Carril.