AS TRES FORMACIÓNS VEÑEN DE ASINAR O ACORDO DE GOBERNO CO QUE O CONCELLO DE ARZÚA “CONTARÁ CUN GOBERNO DE PROGRESO, ESTABLE E FORTE PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS” EXPLICAN.
BNG, AxA e PSOE gobernarán en coalición en Arzúa “poñendo por diante sempre o interese xeral da veciñanza”
O BNG, Alternativa por Arzúa e o PSOE veñen de facer público os detalles do acordo de goberno acadado entre as tres organizacións políticas para a composición do goberno local do Concello de Arzúa durante o mandato que vén de comezar. “Trátase dun acordo estabelecido sobre os principios de igualdade, lealdade, honestidade, colaboración e cooperación institucional”, informou o Alcalde de Arzúa, o nacionalista Xoán Xesús Carril.
Os grupos que compoñen a coalición explican dar, así, “resposta ao mandato da veciñanza nas urnas o pasado 28 de maio, ao non darlle a ningunha forza política a maioría absoluta”. Ao fío desto, sosteñen que “é un acordo froito do diálogo para darlle a Arzúa un goberno de progreso estable e forte, defensor absoluto do interese público, da xestións limpa, transparente e participativa, e do trato en igualdade a todas as veciñas e veciños do noso Concello”.
Distribución de áreas
En base ao acordo feito público, corresponde ao BNG, ademáis da Alcaldía durante os próximos catro anos, as concellarías de: Urbanismo, Obras e Servizos, Medio Ambiente e Benestar animal, Deportes, Igualdade, Xuventude e Infancia, Normalización Lingüística e Patrimonio, Participación Veciñal e Transparencia, Persoal e réxime interno e Facenda e Contratación.
Pola súa banda, Alternativa por Arzúa asume as concellarías de: Cultura e Educación, Servizos Sociais e Terceira Idade e Atención ás Parroquias.
Por último, será a edil do PSOE, Begoña Balado, a que detentará as concellarías de: Turismo, Promoción económica, comercio e consumo, e Acción Urbana.
Así mesmo, Alternativa por Arzúa obstentará a Primeira Tenencia de Alcaldía e o PSOE a segunda.
Os portavoces do BNG, Xoán Xesús Carril, de AxA, José Luís García, e a portavoz do PSOE, Begoña Balado, asinaron este documento en representación das súas formacións políticas e manifestaron a súa vontade de “colaboración honesta, leal, transparente e comprometida co interese xeral da veciñanza de Arzúa. Unha colaboración que permitirá o comezo dun tempo novo no noso Concello, cun goberno municipal representado de maneira proporcional ao mandato que a veciñanza arzuá deu nas urnas, e que terá como piares básicos a unidade, a lealdade e a confianza mutua entre as forzas que o compoñen”, concluíron.