ANUNCIAN A PRESENTACIÓN DE EMENDAS PARA CORRIXIR “A DISCRIMINACIÓN Á QUE O PP TEN SOMETIDA A ARZÚA”
O BNG de Arzúa denuncia que os Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2025 “marxinan a Arzúa”
Arzúa, 5 de novembro de 2024 – O Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Arzúa expresou a súa fonda preocupación e descontento polos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025, que, “un ano máis, deixan ao concello de Arzúa fóra de calquera proxecto de investimento, relegándoo á marxinalidade e asignándolle cero euros para desenvolvemento e melloras.” sinalou Lucía López, Portavoz Municipal do BNG.
Esta postura foi exposta publicamente tras unha reunión mantida entre a deputada do BNG no Parlamento Galego, Iria Carreira, e o grupo municipal do BNG no Concello de Arzúa. O encontro tiña como obxectivo analizar a situación do concello á vista dos recortes e o abandono que evidencian estes Orzamentos, así como marcar unha estratexia para esixir un trato xusto para Arzúa.
A deputada Iria Carreira afirmou que “unha vez máis, a Xunta de Galiza dá as costas a Arzúa, deixando claro que non hai vontade política para o seu desenvolvemento. Non se contempla nin un só euro en investimentos, o que é un síntoma claro da falta de compromiso coa veciñanza. Os orzamentos deben ser ferramentas para o benestar e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas, e, neste caso, a Xunta deixa a Arzúa no esquecemento”.
A Deputada do BNG no Parlamento galego destacou que, en xeral, no que afecta ás comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Curtis “o abandono que reflicten estes Orzamentos é total e absolutamente inxustificable. Estas comarcas precisan de investimentos en infraestruturas, en servizos sociais e en proxectos que impulsen a economía local. Estes orzamentos reafirman o desleixo da Xunta cos concellos rurais mais dende o BNG non imos quedar caladas; daremos a batalla para que se rectifique e se contemple inclusión das súas necesidades nos investimentos” sinalou Carreira.
O BNG de Arzúa xa anunciou que presentará emendas a estes Orzamentos e considera urxente “que o Goberno do PP teña en conta as necesidades reais do noso concello, que ademais en moitos casos foron trasladadas desde a Alcaldía que o BNG lidera no Concello de Arzúa tanto en reunións presenciais como por comunicación escrita a diferentes autoridades da Xunta de Galiza, e do que están a facer caso omiso. Proba disto son estes Orzamentos cos que nos atopamos, un ano máis cero euros para Arzúa. Un ano máis Arzúa discriminada polo PP á fronte da Xunta de Galiza” concluíu a portavoz municipal do BNG, Lucía López.