CARRIL: “A VECIÑANZA DE ARZÚA RECLAMOU UN CAMBIO PARA ARZÚA NAS ÚLTIMAS ELECCIÓNS E NÓS ESTAMOS DISPOSTOS A LEVALO A CABO”
O BNG candidatará a Xoán Xesús Carril a alcalde de Arzúa no pleno de investidura
A organización nacionalista reivindica un goberno encabezado polo nacionalismo como alternativa á dereita
O Bloque Nacionalista Galego en Arzúa anunciou esta tarde que Xoán Xesús Carril Ramos, cabeza de lista da candidatura nacionalista no Concello de Arzúa, candidatarase a alcalde no pleno que se celebrará mañá sábado ás 12 horas no Salón de Plenos do consistorio arzuán.
O candidato á alcaldía afirmou que “a veciñanza de Arzúa reclamou un cambio nas pasadas eleecións municipais e nós estamos dispostos a levalo a cabo. Temos un proxecto para Arzúa e temos unha grande equipa detrás na que confío plenamente”, sinalou Carril.
Ao mesmo tempo, desde o BNG reivindican un goberno encabezado por unha persoa nacionalista para frear o avance da dereita e ser un muro de contención ás políticas regressivas que o PP está a implementar noutros lugares. “Non podemos permitir que o partido que recorta en sanidade, en ensino, que se opuxo aos maiores avances sociais que se deron no noso país, goberne tamén en Arzúa habendo unha alternativa de goberno real” afirmou Carril.
Finalmente, Carril fixo un chamamento á responsabilidade das demais forzas políticas da esquerda, “convídoas a poñer por diante o interese xeral das e dos arzuás e sumarse a un goberno plural, un goberno de progreso estable e forte, defensor absoluto do interese público, da xestión limpa, transparente e participativa, e do trato en igualdade a todos os veciños e veciñas do noso Concello. É posíbel”, sentenciou.