CARRIL: “ARZÚA PODE SER UN LUGAR MELLOR NO QUE VIVIR E NON IMOS DESISTIR ATÉ CONSEGUILO. URXE UN CAMBIO QUE SÓ PODE VIR DA MAN DUN GOBERNO DO BNG”
A Asemblea Local do BNG aproba por unanimidade a candidatura de Carril á alcaldía de Arzúa
Ampliación do polígono industrial, construción do Centro de Día ou a ampliación do saneamento nas parroquias entre as propostas das e dos nacionalistas
O Bloque Nacionalista Galego anunciou hoxe que o actual Portavoz Municipal da organización nacionalista no Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril, será o candidato do BNG ás próximas eleccións municipais. Segundo manifestou o Responsábel Local da organización, Manuel García “toda a Asemblea apostou por Carril para ser o noso candidato. Temos unha organización máis cohesionada ca nunca e Carril sabe que sempre está e estará ao seu carón para traballar e acadar os obxetivos que nos temos fixado”, explicou.
O xa candidato do BNG agradeceu o apoio e o traballo da militancia do BNG en Arzúa e comprometeuse a traballar para ampliar os resultados obtidos nas eleccións do ano 2019. “Se algo caracteriza á militancia do BNG é a honestidade e o traballo do día a día e quero agradecerllo e recoñecerllo unha vez máis a todas e cada unha das persoas que contribúen a que o BNG siga avanzando en Arzúa. Pola miña parte, farei todo o que estea na miña man para contribuír a isto.” indicou Carril.
Arzúa: 12 anos estancada sen novas infraestruturas nin investimentos
“No BNG cremos que Arzúa poder ser un lugar mellor no que vivir e non imos desistir até conseguilo”, indicou Carril, ao tempo que afirmou que “Arzúa leva 12 anos estancada nun goberno municipal que deixou perder moitas oportunidades de que o noso concello tivese máis e mellores infraestruturas e investimentos” explicou Carril. “O goberno de José Luís García leva desde o ano 2018 sen executar importantes obras malia contar con fondos que lle chegan desde outras administracións, como a Deputación da Coruña, un exemplo máis da parálise na que o bipartito de AxA-PSOE sumiron a Arzúa” sinalou o portavoz nacionalista.
Un cambio urxente da man dun goberno nacionalista
“Desde o BNG temos ideas e proxecto para Arzúa. Sabemos das necesidades da nosa veciñanza, que precisa de servizos e infraestruturas que permitan desenvolver unha vida plena no noso Concello: a ampliación do polígono industrial e traballar para atraer novas empresas que xeren postos de traballo, a construción dun Centro de Día para garantir a conciliación da vida familiar e laboral, ampliar os servizos de saneamento das parroquias, o mantemento das pistas en todo o municipio, un mellor mantemento das instalacións deportivas ou a construción dun auditorio municipal son só algunhas das cuestións que desde o BNG defendemos. Urxe un cambio de políticas en Arzúa que so pode vir da man dunha Alcaldía do BNG. Niso poñeremos todo o empeño” concluíu Carril.