RECLAMA AO GOBERNO MUNICIPAL POLÍTICAS PÚBLICAS QUE CONTRIBÚAN A ASENTAR POBOACIÓN
O BNG alerta da baixada de 6000 habitantes no Concello de Arzúa
Segundo o IGE, Arzúa pecha o ano 2021 con 5964 habitantes
Arzúa, 30 de decembro de 2021.- O BNG alertou da baixada dos 6000 habitantes que vén de facer público o Instituto Galego de Estatística esta semana. Arzúa pechou o 2021, segundo o IGE, con 5964 habitantes. 47 menos que o ano anterior e 340 menos que hai unha década. Segundo o portavoz municipal, Xoán Xesús Carril “trátase dunha barreira psicolóxica que debe servir de toque de atención para que o goberno municipal se poña a traballar dunha vez para asentar poboación no noso concello”.
“O alcalde e o seu goberno ten que deixar de lado o pasotismo no que está instalado. Saír do despacho e poñerse a traballar para reverter esta situación.” indicou o portavoz nacionalista ao tempo requireu ao alcalde a mellora e a ampliación de servizos públicos en Arzúa. “Hai que lembrar que, por exemplo, foi este alcalde quen eliminou o servizo de madrugadores do colexio público. Ese é o camiño contrario ao que debemos tomar” asegurou.
Segundo Carril, “No BNG temos claro que é o que Arzúa precisa. Ten que ser unha prioridade para calquer goberno mellorar e ampliar os servizos públicos cos que contamos. Que Arzúa sexa un referente a ese nivel”. Tamén, a respeito da creación de postos de traballo en Arzúa, o portavoz nacionalista reclamou ao goberno municipal “que se poñan a buscar financiamento para a ampliación do polígono industrial”. “No ano 2025 está previsto o remate da autovía e isto pode ser unha oportunidade para o asentamento de empresas no noso polígono, pero para iso ten que haber parcelas dispoñíbeis”, asegurou Carril.
Tamén, o portavoz do BNG no pleno municipal, lembrou que a organización nacionalista presentou varias emendas aos orzamentos da Xunta encamiñadas á creación de servizos e mellora de infraestructuras no Concello e que todas foron rexeitadas polo Partido Popular. Unha delas procuraba a construcción dun centro de día en Arzúa, sobre o que Carril afirmou que “Arzúa precisa urxentemente dun centro de día onde dar un atendemento digno ás persoas maiores que o precisan e o PP non só votou en contra no Parlamento Galego, senón que o portavoz en Arzúa cuestionou a necesidade deste servizo. É lamentábel e un insulto a toda a veciñanza deste concello”, afirmou Carril.
Con todo, desde o BNG apelan ao optimismo. Segundo Carril “Arzúa ten futuro. Nós témolo claro e traballaremos arreo para que así sexa. O BNG ten un proxecto de futuro para Arzúa e partirémonos o lombo para levalo adiante”, concluíu Carril.