CARRIL: “PRESENTAREMOS UNHA PROPOSTA NO PLENO DO CONCELLO ENCAMIÑADA A CONQUERIR UNHA POSICIÓN UNÁNIME DE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS ARZUÁS PARA ESIXIRLLE Á XUNTA DE GALIZA QUE CORRIXA ESTA SITUACIÓN”
O BNG alerta de novos recortes e deficiencias no Centro Médico de Arzúa
O BNG alertou hoxe que se están a repetir os recortes en persoal no Centro Médico de Arzúa, o que está a provocar que se estean a dar citas con moitos días de espera. O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa denunciou que “as consultas pechadas son xa a tónica habitual no Centro Médico arzuán. Sabemos que isto xera un grave prexuízo ás nosas veciñas e veciños por iso reclamaremos no Concello e no Parlamento galego que cese esta situación” explicou.
O Portavoz nacionalista animou “a toda a veciñanza a cursar reclamacións ante esta situación” e avanzou que “desde o BNG, como xa fixemos hai escasamente uns meses, volveremos denunciar esta circunstancia no Parlamento Galego porque os recortes que o PP está a aplicar na sanidade pública galega afectan ás e aos arzuáns” dixo Carril.
Así mesmo, os nacionalistas presentarán tamén unha proposta no Concello de Arzúa, encamiñada “a conquerir unha posición unánime de todas as forzas políticas arzuás para esixirlle á Xunta de Galiza que corrixa esta situación” sinalou Carril. “O goberno de AxA- PSOE segue sen pronunciarse ante estas circunstancias, malia que Arzúa nos últimos anos leva sufrindo recorte tras recorte. Por iso é necesario que alguén se mova para denunciar estas discriminacións que están a sufrir as nosas veciñas e veciños. Se o goberno municipal non o fai, no BNG temos claro que si o imos facer” concluíu Carril.