CARRIL: “NO BNG CONTAMOS CUNHA GRANDE EQUIPA PARA POÑER EN MARCHA O PROXECTO DUNHA ARZÚA CON FUTURO"
O BNG de Arzúa aproba por unanimidade a candidatura coa que concorrerá ás próximas eleccións municipais
O Bloque Nacionalista Galego celebrou na tarde de onte, mércores 5 de abril, unha concorrida Asemblea local na que a organización nacionalista deu luz verde á candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A candidatura, formada por un total de 23 veciñas e veciños de Arzúa, foi refrendada pola unanimidade das e dos presentes. O responsábel local do BNG en Arzúa, Manuel García, explicou que "esta candidatura compaxina a experiencia e veteranía con mocidade, e é tamén representativa do tecido asociativo e da parte máis activa e implicada do noso concello" sinalou.
Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa dixo sentirse "moi orgulloso e honrado de encabezar esta candidatura, que está formada por xente preparada, con ilusión, experiencia e cun grande coñecemento das necesidades do noso concello. No BNG queremos facer de Arzúa un lugar mellor no que vivir e para isto contamos cunha grande equipa para poñer en marcha o proxecto dunha Arzúa con futuro", indicou Xoán Xesús Carril
O candidato nacionalista quixo destacar tamén a implicación da mocidade na candidatura. “No BNG apostamos de verdade pola mocidade e para iso é imprescindíbel darlle ás mozas e mozos protagonismo. Que sexan eles e elas o motor das políticas que lles permitan quedar a vivir e traballar no seu concello” asegurou Carril, en referencia ás 8 mozas e mozos que forman parte da listaxe.
Carril fixo fincapé, tamén, na necesidade de gobernar “con todas as parroquias na cabeza”. “A candidatura do BNG conta cun equilibrio entre a representación das parroquias e o casco urbano, pois queremos gobernar para todos e todas. As parroquias merecen un goberno que as trate por igual, atendendo as necesidades de todas e cada unha delas, moi lonxe do abandono que caracterizou o goberno de José Luís Garcìa”, sinalou o candidato nacionalista.
Desde o BNG destacan que contan cun proxecto coas ideas claras para Arzúa. “Precisamos saír da parálise na que o goberno de Alternativa por Arzúa e PSOE teñen sumido o noso Concello. A veciñanza de Arzúa precisa dun goberno municipal que traballe arreo para ampliar e mellorar os servizos públicos e atraer novos investimentos. É indecente que en pleno ano 2023, Arzúa non conte cun Centro de Día para as persoas dependentes. Un goberno do BNG trabraballará sen descanso até conseguilo”, sentenciou Carril.
Desde o BNG informaron que están a traballar no programa electoral, aberto á participación das veciñas e veciños, e que farán público nos vindeiros días a través de encontros parroquiais e con diferentes colectivos do Concello "porque temos un proxecto político serio e solvente para darlle futuro a Arzúa que, estamos convencidos, contará co apoio da veciñanza o vindeiro 28 de maio e comezar a construír, entre todas e todos, unha Arzúa mellor e con máis oportunidades " concluíu Carril.
CANDIDATURA DO BNG PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS:
1. Xoán Xesús Carril Ramos
2. Lucía López Sobrado
3. Daniel Moscoso Sixto
4. Irene Pereira Ares
5. Manuel García López
6. Silvia Duro Couso
7. Estevo Barral Camba
8. Ana Villar Veiga
9. Miguel Sánchez Varela
10. Paula Rodríguez Parrado
11. Manuel Rivadulla Seoane
12. Iria Carreira Pazos
13. Xosé Luis Carreira Carreira
Suplentes
1. Xurxo Gómez Vázquez
2. Lydia Castro Gabete
3. Manuel Medina Albero
4. Noa López Parrado
5. Emilio Vázquez Duro
6. Cristina Díaz Mosteiro
7. Manuel Rego González
8. María Vila Iglesias
9. Xesús Portos Mouriño
10. Leonardo Bermúdez Taboada