INSTAN AO GOBERNO MUNICIPAL A NON DEMORAR MÁIS EN FACER PÚBLICA A PROGRAMACIÓN DA FESTA
O BNG de Arzúa chama a atención sobre o feito de que a tres semanas da Festa do Queixo aínda non se coñeza a programación
Carril: “Desde o BNG non imos permitir que Arzúa quede relegada ao vagón de cola dos concellos. Nas vindeiras eleccións municipais de maio temos unha oportunidade de rematar cos 12 anos de parálise do actual goberno municipal e darlle un novo impulso a Arzúa da man do BNG”
Desde o Bloque Nacionalista Galego chaman a atención sobre o feito de que “a tres semanas da Festa do Queixo siga sen coñecerse a programación deste importante evento no noso concello, especialmente no que atinxe aos concertos que participarán no Festival nesta edición” explicou Xoán Xesús Carril, candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.
“Outros concellos con eventos coma este, coa categoría de Festas de Interese Turístico Galego, anuncian con meses de antelación o seu programa, atraendo o interese do público e dándolle relevancia, como a que ten para Arzúa a Festa do Queixo, cun importantísimo impacto económico na hostalaría e no comercio local, e na que se invirte unha grande cantidade do orzamento público” dixo Carril.
Desde o BNG instan ao goberno municipal a non demorar máis en facer pública a programación da Festa. “O goberno de José Luís García está esgotado, a súa maneira de gobernar con improvisación e desorganización fai que Arzúa perda visibilidade e referencialidade no conxunto da nosa comarca” sinalou Carril.
“Desde o BNG non imos permitir que Arzúa quede relegada ao vagón de cola dos concellos. Coa confianza das nosas veciñas e veciños a partir das vindeiras eleccións municipais de maio temos unha oportunidade de rematar cos 12 anos de parálise do actual goberno municipal e darlle un novo impulso a Arzúa da man do BNG” concluíu Xoán Xesús Carril.