A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA DEFENDEU NO PARLAMENTO QUE, PARA FACELA POSÍBEL, A REHABILITACIÓN DO COMPLEXO DEPORTIVO DEBE CONTAR COA IMPLICACIÓN DAS TRES INSTITUCIÓNS
O BNG de Arzúa comprométese a liderar un frente común de Concello, Xunta e Deputación para recuperar Portodemouros
O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada arzuá no Parlamento galego, Iria Carreira, defendeu hoxe a recuperación do Complexo Deportivo de Portodemouros para uso público . Ante unha proposta do PP na que se cargaba a responsabilidade da súa recuperación unicamente sobre o Concello de Arzúa, Carreira defendeu que “se queremos recuperar realmente Portodemouros é necesaria a implicación de todas as administracións, pois a situación ruinosa na que se atopa require contar cun orzamento que non é asumíbel para o estado das arcas públicas do Concello de Arzúa” explicou.
A proposta do BNG, que saiu adiante por unanimidade, insta ao Concello de Arzúa a negociar con Naturgy a cesión dos terreos, e á Xunta de Galiza e á Deputación da Coruña a adquirir o compromiso orzamentario de colaborar coa recuperación de Portodemouros.
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, congratulouse polo acordo acadado polo BNG no Parlamento Galego. “Alegrámonos que o PP, que ten votado en contra de iniciativas do BNG para recuperar Portodemouros, esta vez entrase en razón, pois recuperar o Complexo Deportivo de Portodemouros é moi importante para a dinamización económica e social de Arzúa” explicou.
“Se queremos realmente recuperar este Complexo Deportivo temos que fuxir das propostas electoralistas como a realizada polo PP de que sexa o Concello en solitario quen asuma a rehabilitación de Portodemouros. Calquera que coñeza un pouco do estado das arcas públicas do noso Concello sabe que esa é unha propostas irreal” explicou Carril.
“Desde o BNG si que queremos recuperar Portodemouros de verdade por iso me comprometo a liderar un frente común entre Concello, Xunta e Deputación para facer realidade a rehabilitación de Portodemouros despois das eleccións do 28 de maio” concluíu Carril.