DEMANDAMOS QUE A XUNTA DE GALIZA, ACTUAL PROPIETARIA DO INMOBLE, ACTÚE URXENTEMENTE NO MESMO PARA IMPEDIR QUE A CASA DE CORREOS SE SIGA DETERIORANDO
O BNG de Arzúa leva ao Parlamento galego a situación da Casa de Correos
O BNG de Arzúa trasladará ao Parlamento galego a reclamación dunha solución urxente para a Casa de Correos. O deputado do BNG no Parlamento galego, Xosé Luís Rivas “Mini”, volveu desprazarse até Arzúa, onde se reuniu co candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e outras e outros integrantes da candidatura do BNG.
Desde o BNG demandamos que a Xunta de Galiza, actual propietaria do inmoble, actúe urxentemente para impedir que a Casa de Correos se siga deteriorando, “pois cada día que pasa estando nestas condicións ponse en risco o mantemento deste ben, que é patrimonio de todas e todos os arzuáns” explican as e os nacionalistas.
“No ano 2016 o alcalde anunciou que a intervención arquitectónica ía estar rematada en xullo do 2018, e xa vemos cal é o resultado das súas promesas” sinalou Carril. “ A Casa de Correos segue caendo a cachos a cada día que pasa e a ningunha das administracións con competencias na materia semella importarlles o máis mínimo” denuncian desde o Bloque.
En relación co anunciado polo alcalde de Arzúa na radio municipal, onde asegurou que as obras de rehabilitación comezarían en 8 meses, Carril puxo de relevo que “a Casa de Correos presenta un furado no teito, calquera sabe que nun edificio con semellante deterioro na cuberta urxe que se actúe, pois o contrario podería traer consecuencias nefastas” explicou.
Ademais , Carril precisou que “8 meses sitúannos no mes de novembro, con outro outono máis polo medio que desde logo non vai beneficiar ao edificio nas condicións en que está”. “É unha absoluta irresponsabilidade tanto por parte da Xunta, actual propietaria do edificio, como por parte do Concello, asumir estes prazos como normais no canto de demandar actuacións urxentes, cando menos para favorecer que se free o deterioro da Casa de Correos” explicou o candidato á Alcaldía polo BNG.
“Ademais, e en vista dos precedentes que temos en canto ás promesas incumpridas por este alcalde, tamén parece unha broma de mal gusto que se anuncie que unhas obras desta embergadura se van comezar en pleno inverno, e que ademais faga a 2 meses das eleccións municipais, o tufo electoralista vese ás leguas” concluíu Carril.