O BNG comprométese a “traballar arreo desde a Alcaldía para dotar a Arzúa dun Centro de Día”
Arzúa, 19 de maio de 2023.- O BNG segue a dar a coñecer, con encontros veciñais en todas as parroquias, o seu programa de goberno para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
Neste sentido, o candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, comprometeuse a “traballar arreo desde a Alcaldía para dotar a Arzúa dun Centro de Día” e lembrou a campaña de recollida de sinaturas que a organización nacionalista encetou fai algúns meses. “Nestes catro anos trasladamos ao Pleno da corporación diversas iniciativas para dotar a Arzúa dun Centro de Día e atopámonos co desleixo tanto do alcalde como do seu goberno municipal, e tamén o do Partido Popular, malia que agora todos prometan o Centro de Día nos seus programas electorais” sinalou.
“Somos a única forza política que defendeu o Centro de Día para Arzúa nestes catro anos, e, por suposto, comprometémonos a traballar arreo co BNG na Alcaldía a partir do 28 de maio para facer realidade que o noso concello conte con este necesario servizo público que axude a garantir a conciliación familiar e laboral” concluíu o candidato do BNG.