CARRIL: “O DEBATE DUNHA MOCIÓN SOBRE O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, OUTRA SOBRE A EMIGRACIÓN XUVENIL EN GALIZA E OUTRA NA QUE DESDE O BNG PEDÍAMOS QUE AS ASOCIACIÓNS DE ARZÚA NON TEÑAN QUE PAGAR POLO USO DE LOCAIS MUNICIPAIS, FORON BLOQUEADAS POLOS GOBERNO MUNICIPAL”
O BNG denuncia “actitudes antidemocráticas” ante o bloqueo da presentación de mocións no Concello de Arzúa
“Semella que a estes grupos o único que lles interesa dos Plenos é ir alí a fichar 15 minutos, cobrar as asistencias, e que non haxa nin debate nin contraste de ideas” sentenciou Carril.
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, denunciou hoxe o bloqueo “ao debate de mocións e propostas políticas” por parte do goberno de AxA -PSOE, no Pleno celebrado o pasado venres, 8 de novembro.
“Desde o BNG foron 3 as mocións que presentamos, unha vinculada a demandar do goberno da Xunta de Galiza e do goberno do Estado actuacións en relación coa violencia machista, outra, encamiñada a demandar da Xunta de Galiza, e tamén desde o Concello, medidas para frear a emigración xuvenil no noso País e outra para modificar a Ordenanza Fiscal que regula o acceso aos locais municipais para que as Asociacións rexistradas en Arzúa non teñan que pagar por usar instalacións de titularidade do Concello” explicou Carril.
“Agardábamos que cando menos poidese ter lugar un debate político, construtivo e sosegado, no que cadaquén poidese expor as súas posicións, mais non o permitiron” explican desde o Bloque. “Semella que o único que lles interesa dos Plenos é ir alí a fichar 15 minutos, cobrar as asistencias, e que non haxa nin debate nin contraste de ideas” sentenciou Carril.
Desde o BNG anuncian que seguirán levando iniciativas aos Plenos, “aínda que se alíen entre eles para bloquealas, nunha actitude absolutamente antidemocrática, e convidamos a toda a veciñanza a asistir aos Plenos para que poidan comprobar de primeira man como son as cousas” concluíu Carril.