O BNG denuncia que o Concello de Arzúa mantén pechada a Oficina de Información Turística malia contar desde o mes de abril cunha subvención para poñela en marcha
O Portavoz Municipal do BNG no Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril, chamou a atención hoxe sobre o feito de que “desde o 12 de abril que saiu publicada no BOP, o Concello de Arzúa conta cunha subvención de 11.680,00 € da Deputación da Coruña para financiar o gasto de persoal das oficinas de turismo na anualidade 2019” explicou. “Sen embargo, o Concello non convocou a bolsa para cubrir a praza de técnico/a de turismo ata o pasado 18 de xuño” sinalou Carril.
Desde o grupo municipal nacionalista cualifican de “xestión moi neglixente” a do goberno municipal “perdemos meses de ter cuberta esta praza e, polo tanto, de poder ter aberta a Oficina de Información Turística cando todo o mundo sabe que os meses de primavera e verán son os de maior afluencia de visitantes no noso Concello” explicou Carril.
“O mes de xuño está a piques de rematar, e tendo en conta os procedementos administrativos que aínda quedan por facer para cubrir a bolsa para a praza de técnico/a de turismo, todo apunta a que chegaremos a mediados xullo coa Oficina de Información Turística pechada” explicou Carril “un auténtico desastre que non se pode consentir ás portas do Ano Xacobeo e estando Arzúa chea de visitantes como todas e todos os que pateamos as rúas de Arzúa podemos comprobar” expresou Carril.
A convocatoria da bolsa para cubrir esta praza, cuxo prazo para a recepción de solicitudes rematou onte, “chega tarde e mal e é unha mostra máis de que o Alcalde ten que poñerse moito as pilas, porque o mandato comeza cunha xestión lamentable e que só dana os intereses das veciñas e veciños de Arzúa” concluíu Carril.