CARRIL RECLÁMALLE AO CONCELLO QUE “INSTE ÁS OPERADORAS DE ELECTRICIDADE E TELEFONÍA A SUPERVISAREN OS CABLEADOS DE SUBMINISTRACIÓN EN TODO O CONCELLO E A MANTELOS EN BO ESTADO”
O BNG denuncia o estado de perigosidade que presentan algúns postes do tendido eléctrico e telefónico en Arzúa
Desde o BNG aseguran que ao longo de todo o concello hai instalacións que están nun estado lamentable e mesmo poderían supor un perigo para as persoas
O BNG de Arzúa reclámalle ao alcalde que inste ás operadoras de servizos de básicos de electricidade e telefonía a supervisaren o cableados de subministración en todo o Concello e mantelos en bo estado. Desde o BNG aseguran que “por aviso de veciñanza tanto do rural como do casco urbano arzuán temos detectado instalacións que están nun estado lamentable e mesmo poderían supor un perigo para as persoas” explicou Xoán Xesús Carril, candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.
Desde o BNG aseguran que “hai moitos casos ao longo de todo Arzúa con postes en mal estado e nalgúns casos mesmo hai cableado descolgado, tanto de telefonía como de electricidade“. Carrril apunta que “hai algúns postes que están desde hai moito tempo nun estado de abandono absoluto e o Concello debe exixir ás operadoras responsábeis dos mesmos un mantemento en condición” explica, e, engade que, “é o Concello, como institución máis próxima á veciñanza, quen debe velar pola seguridade de todas as veciñas e veciños e estar vixiante para que estas situacións non se produzan”.