NON SE ESTÁN A CUBRIR AS VACACIÓNS DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES
O BNG denuncia a falta de persoal no Centro Médico de Arzúa
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, denunciou hoxe a falta de persoal no Centro Médico de Arzúa, que provocou a cancelación de citas médicas ou a derivación a outros Centros de Saúde, como no caso da matrona. Segundo o portavoz nacionalista “esta situación é algo ao que o PP nos ten acostumados. Non cubren as vacacións do persoal e iso provoca o colapso do centro e o trastorno para as e os pacientes.”
Xoán Xesús Carril sinalou que “o Centro de Saúde de Arzúa soporta unha alta presión de pacientes nos meses de verán derivada da afluencia de peregrinas e peregrinos e isto complica aínda máis a situación”, expresou. O portavoz nacionalista fixo referencia aos recortes que a sanidade pública sufriu nos últimos anos. “O PP destina a atención primaria 2 M€ menos que en 2021 e 47 M€ menos que en 2009. O gasto na porta de entrada ao sistema público de saúde é do 12% fronte á media estatal do 14,2%”. Ao mesmo tempo, Carril insistiu en que “o BNG fixo unha proposta no Parlamento Galego para que o 25% do orzamento do SERGAS se destine á Atención Primaria, pois é unha peza fundamental no sistema público de saúde”.
Desde a organización nacionalista reclamaron tamén ao alcalde de Arzúa “que se poña do lado das veciñas e veciños e que faga valer a súa posición para reclamar ao goberno da Xunta que se cubran as vacacións e as baixas do persoal do Centro de Saúde”, xa que segundo Carril “non é a primeira vez que nos bota en cara no pleno que protestemos polo colapso do Centro de Saúde de Arzúa”, sentenciou.