AFÉANLLE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE NON SUBSCRIBISE O CONVENIO ENTRE A FEGAMP E A AMTEGA ENCAMIÑADO A SUBSANAR AS DEFICIENCIAS NA COBERTURA MÓBIL NO RURAL DE GALIZA
O BNG denuncia que o goberno municipal de Arzúa deixou pasar a oportunidade de mellorar a cobertura móbil nos lugares do concello onde hai problemas
A subscrición ao citado convenio, da que foron informados todos os Concellos, rematou o 14 de febreiro e contemplaba axudas de até 30.000 € : “unha axuda coa que as veciñas e veciños de Arzúa non imos contar pola deixadez e parálise do Concello de Arzúa” explicou Carril
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, explicou hoxe que o goberno municipal arzúan “deixou pasar unha vez máis unha boa oportunidade para traer melloras para o noso Concello” dixo. Desde o BNG aféanlle ao goberno municipal de AxA – PSOE que non subscribise o convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) para a posta en marcha de accións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural de Galiza.
Neste sentido, Carril explicou que “en Arzúa temos lugares nos que a ausencia de cobertura móbil dificulta a vida normal da nosa veciñanza, por iso denunciamos a deixadez de funcións do goberno municipal de Arzúa, pois ter subscrito ese convenio era unha axuda para comezar a subsanar estas deficiencias” explicou o portavoz municipal do BNG.
“O Concello de Arzúa tiña toda a información para poder subscribir este convenio. Agora o prazo rematou sen que desde o goberno municipal se preocupasen o máis mínimo, sen sequera facer unha chamada á FEGAMP para informarse máis polo miúdo en que consistía” explicou Carril.
“O convenio contemplaba axudas de ata 30.000 € para acometer estas melloras. Unha axuda coa que as veciñas e veciños de Arzúa non imos contar pola deixadez e parálise do Concello de Arzúa” concluíu Carril.