CONDENAN A ACTITUDE DO PP Á FRONTE DA XUNTA DE GALIZA POR ESTAR A SUBVENCIONAR “O FINANCIAMENTO DA DESTRUCIÓN DE POSTOS DE TRABALLO E A PERDA DE SERVIZOS NO RURAL”

O BNG denuncia “un novo atropelo á veciñanza de Arzúa co desmantelamento da oficina do BBVA” e chaman ao alcalde a actuar “defendendo os intereses da veciñanza de Arzúa”

Pleno 28_10_2021
Xoán Xesús Carril, Portavoz municipal do BNG, e Lucía López, concelleira do BNG, no Pleno celebrado onte, xoves 28 de outubro.
O BNG trasladou ao Pleno celebrado onte, xoves 28, unha moción que foi aprobada co voto en contra do PP
O BNG denuncia “un novo atropelo á veciñanza de Arzúa co desmantelamento da oficina do BBVA” e chaman ao alcalde a actuar “defendendo os intereses da veciñanza de Arzúa”

O Grupo Municipal do BNG en Arzúa trasladou ao Pleno celebrado onte, xoves 28 de outubro, unha moción contra o desmantelamento de oficinas bancarias no concello, centrada no anuncio do desmantelamento da oficina que o BBVA ten na localidade, que lle segue ao peche, fai apenas unhas semanas, da oficina que o Banco Sabadell tiña en Arzúa.

Tal e como explicou o Portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, trátase dun “novo atropelo á veciñanza de Arzúa, o vindeiro mes de novembro vaise proceder ao desmantelamento da oficina do BBVA produto do ERE que esta entidade bancaria ten en marcha” explicou.

Desde o BNG explican que “o desmantelamento desta oficina bancaria, que pasará a contar tan só cun axente financeiro e non se poderán realizar todos os trámites nela, súmase ao peche da oficina do Banco Sabadell que xa se consumou fai semanas” explicaron. Desde o BNG sinalan que “xa no mes de setembro alertamos de que o peche da oficina do Sabadell só era a punta do iceberg do desmantelamento de servizos que se está a producir en moitos concellos rurais coma o noso” explicou Carril.

Desde o BNG instaron ao alcalde e ao goberno municipal a actuar “defendendo os intereses da veciñanza de Arzúa, saíndo da pasividade ante a perda de servizos no noso concello” sinalou Carril.

O Partido Popular (PP) votou en contra desta moción na que se instaba á corporación municipal a mostrar publicamente o rexeitamento do Concello de Arzúa ao peche de oficinas bancarias na localidade e defender o mantemento dos servizos. Do mesmo xeito, instábase ao goberno municipal á retirada  das contas bancarias que teña o concello nas entidades que deixen de prestar servizo no concello.

Por último, esta moción tamén condenaba a actitude da Xunta de Galiza por estar a subvencionar a estas entidades para a colocación de caixeiros automáticos nos concellos onde están pechando sucursais, “o que supón na práctica o financiamento da destrución de postos de traballo e a perda de servizos no rural”, explicaronn desde o BNG.

Desde o BNG chaman á veciñanza a participar da concentración convocada pola CIG ás portas da sucursal do BBVA o vindeiro 17 de novembro, ás 12 horas, como resposta a este novo ataque ao mantemento de servizos no rural galego. 

O BNG denuncia “un novo atropelo á veciñanza de Arzúa co desmantelamento da oficina do BBVA” e chaman ao alcalde a actuar “defendendo os intereses da veciñanza de Arzúa”