CARRIL: “PREGUNTÁMONOS QUE É O QUE TEN QUE ESCONDER O GOBERNO DE AXA – PSOE PARA OBRAR DESTA MANEIRA E ESIXIMOS QUE SE CORRIXA ESTA SITUACIÓN DE INMEDIATO”
O BNG denuncia obstrución no acceso á documentación do Concello
O Portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, denunciou hoxe a “obstrución por parte do goberno municipal no acceso á documentación á que as e os membros da corporación municipal deberíamos ter acceso, tal e como marca a normativa vixente” sinalou.
Carril referiuse en concreto a “información relativa aos expedientes de licencias urbanísticas que o Concello ten paralizados desde hai un ano ou sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que xa solicitamos no mes de agosto, e seguen sen sernos facilitados” explicou.
“O R/D 2568/1986 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades locais recolle no seu artigo 14 o dereito de todos os membros da corporación a obter do alcalde ou do presidente da comisión de goberno datos ou informacións que obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función. Do mesmo xeito, a petición de acceso enténdese concedida por silencio administrativo cando non dean resposta no prazo de 5 días desde que se realiza a solicitude” explicou Carril. “Sen embargo, desde o grupo municipal do BNG levamos máis dun mes de idas e vidas ao Concello, sen que en todo este tempo nos fose facilitada a información solicitada” sinalou.
O Portavoz do BNG precisou que “a gota colma o vaso cando se nos está a negar o acceso ás actas das Xuntas de Goberno, en relación coas cales o propio R/D 2568/1986 é ben claro cando especifica que se nos deberán facer chegar a todos os membros da corporación no prazo de 10 días seguintes á celebración das reunións da Xunta de Goberno, que se veñen celebrando cada 15 días” sinalou. “Chegamos ao extremo de, aínda estando especificado na lexislación, cuestión que o grupo de goberno debería coñecer, requirir esta documentación mediante unha solicitude, da cal non obtivemos resposta” explicou Carril.
“Desde o BNG vémonos na obriga de facer pública esta situación, pois a todas luces o alcalde non está a cumprir con esta obriga legal, intentando, así, obstruír a nosa labor como oposición, algo que a veciñanza de Arzúa debe saber” dixo Carril.
“Preguntámonos que é o que ten que esconder o goberno de AxA – PSOE para obrar desta maneira e esiximos que se corrixa esta situación de inmediato, do contrario verémonos na obriga de dirixirnos a instancias superiores para que o Concello de Arzúa cumpra coas súas obrigas legais” concluíu o portavoz municipal do Bloque.