CARRIL: “PREGUNTÁMONOS QUE TEN QUE ESCONDER O ALCALDE EN RELACIÓN COAS LICENZAS URBANÍSTICAS” E LEMBRA QUE “HAI VECIÑAS E VECIÑOS AGARDANDO POR UNHA RESPOSTA ÁS SÚAS SOLICITUDES DESDE HAI MÁIS DUN ANO”
O BNG denuncia ante a Valedora do Pobo a obstrución por parte do Alcalde no acceso á información vinculada ás licenzas urbanísticas e de apertura de establecementos no Concello de Arzúa
Carril: “Hai persoas afectadas pola parálise das licenzas que non teñen notificación nin de denegación nin de aceptación das súas solicitudes desde hai máis dun ano, o que xera unha inseguridade xurídica brutal e un desamparo absoluto da nosa veciñanza que desde o BNG non estamos dispostos a consentir”
O BNG trasladou unha queixa ante a Valedora do Pobo informando que en data do 27 de agosto do 2019 o Grupo Municipal do BNG, por medio dun escrito rexistrado no Concello de Arzúa, cursou solicitude para coñecer os expedientes e o estado de tramitación das solicitudes de licenzas urbanísticas e de apertura de establecementos dos anos 2018 e 2019.
Desde o BNG informan de que “desde o Concello de Arzúa estase a incumprir a legalidade vixente, pois nos artigos 77 da Lei de Bases de Réxime Local (LBRL) e 14 do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais (ROF) establécese o dereito das e dos membros das Corporacións Municipais a obter do Alcalde-Presidente cantos antecedentes, dados ou informacións obren en poder da Corporación e resulten precisos para a súa función” explicou Xoán Xesús Carril, Portavoz Municipal do BNG. “Estes dereitos estanse conculcando no Concello de Arzúa” sentenciou Carril.
Carril explicou que, desde a data da solicitude da información “até o día de hoxe, 31 de outubro, pasaron 2 meses, cando a normativa vixente, en concreto o artigo 14 do ROF, establece que o Alcalde ten un prazo de 5 días desde a recepción da solicitude de información para motivar a denegación, se fose o caso, desta documentación” dixo, e engadiu, “esta denegación non se produxo, pois non cabe motivación para denegar o acceso a unha documentación como esta, mais a realidade é que despois de 2 meses de idas e vidas ao Concello, de múltiples excusas...seguimos agardando” sinalou o portavoz do BNG.
Desde o BNG lamentan que se produza esta situación e pregúntanse “que ten que esconder o Alcalde en relación coas licenzas, das que, por certo, sabemos que hai veciñas e veciños que levan máis dun ano agardando por unha resposta ás súas solicitudes” explicou Carril.
“É unha situación de extrema gravidade que xera, non só un prexuízo á nosa labor como concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal, senón tamén un grave prexuízo á nosa veciñanza, pois estase obstruíndo o acceso a unha información que debería ser tratada dun xeito transparente” salientou o portavoz nacionalista.
“A parálise no tema das licenzas está a ser moi grave en Arzúa. Hai persoas afectadas que non teñen notificación nin de denegación nin de aceptación das súas solicitudes desde hai máis dun ano, o que xera unha inseguridade xurídica brutal e un desamparo absoluto da nosa veciñanza que desde o BNG non estamos dispostos a consentir” concluíu Carril.