DESDE O GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTAS CRITICAN “A DEIXADEZ” DO ALCALDE ANTE A FALTA DE CONVOCATORIA DO PLENO DE ORGANIZACIÓN

O BNG esixe a “urxente limpeza e adecentamento” do Polígono industrial arzuán e do seu entorno

Polígono1
Imaxe dunha das rúas do Polígono
O BNG esixe a “urxente limpeza e adecentamento” do Polígono industrial arzuán e do seu entorno

Arzúa, 19 de xullo do 2019._ O BNG denunciou esta mañá a situación “de absoluto abandono” que sofre o Polígono industrial de Arzúa por parte do Concello. O Portavoz municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, sinalou que “a suciedade das rúas demostra a ausencia de servizos municipais no Polígono” e, engadiu, “o mantemento e a limpeza nesta área deixa moito que desexar, a maleza cobre moitas rúas, non hai un control dos residuos nin dos lugares nos que se depositan, e así levamos moito tempo” explicou Carril.

 

O Portavoz nacionalista reclamou a “urxente limpeza das rúas e o adecentamento do entorno” informando de que desde o Grupo Municipal do BNG xa rexistraron esta solicitude no Concello, acompañada de diversas fotografías quer corroboran o expresado. “Se o Alcalde non quere saír do despacho para ver como está o pobo, teremos que facerllo ver” salientou Carril.

 

Desde o BNG consideran que o Polígono require de impulso por parte do Concello, “debemos aproveitar a apertura da A- 54 para facer del un importante polo de atracción empresarial” explican. Carril anunciou que desde o Grupo Municipal do BNG que levarán ao Pleno do Concello e ao Parlamento galego “iniciativas encamiñadas a que se desenvolva o solo urbanizable previsto para o Polígono e, desta maneira, poder poñer novas parcelas a disposición de novas empresas que queiran asentarse en Arzúa” explicou. “Este desenvolvemento daría saída ao Polígono cara á A-54, pois enlazaría coa N-547 á altura do Río Brandeso, xerando valor engadido ao Polígono” sinalan desde o BNG.

 

Criticas ante a falta de convocatoria do Pleno de Organización

 

Desde o BNG criticaron tamén o feito de que aínda non se teña celebrado o Pleno de organizacion no Concello de Arzúa. “Sabemos que por lei aínda se está en prazo, mais non entendemos cal é a necesidade de esgotar os prazos. Cando a meirande parte dos Concellos galegos xa celebraron os Plenos de organización para pórse a funcionar con normalidade, en Arzúa, desde a constitución da Corporación Municipal o pasado 15 de xuño, estamos sen Xunta de goberno e non hai absolutamente ningunha información de cal vai ser o goberno no noso Concello” explicou o Portavoz municipal do BNG. “O Alcalde semella querer facer gala da súa deixadez tamén nisto, o que nos parece unha absoluta falta de respecto ás veciñas e veciños” concluíu Carril.

O BNG esixe a “urxente limpeza e adecentamento” do Polígono industrial arzuán e do seu entorno