A CAMPAÑA CONTEMPLA UNHA RECOLLIDA MASIVA DE SINATURAS PARA SEREN PRESENTADAS TANTO NO CONCELLO COMO NA XUNTA DE GALIZA

O BNG inicia unha campaña para reclamar un Centro de día público para Arzúa

Recollida sinaturas Centro de día
Recollida sinaturas Centro de día

As e os nacionalistas sinalan que “é hora de que Arzúa conte con este importante servizo público para axudar na conciliación familiar e laboral”

O BNG inicia unha campaña para reclamar un Centro de día público para Arzúa

O BNG presentou en Arzúa unha campaña para reclamar un Centro de día público neste concello. O portavoz municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, explicou que “iniciamos esta campaña, que se prolongará nos vindeiros meses, coa finalidade de demostrar que o Centro de día é un servizo necesario e demandado pola veciñanza de Arzúa” sinalou.

A campaña contempla a recollida masiva de sinaturas para seren presentadas posteriormente ante o Concello e a Xunta de Galiza. Ademais, tal e como explicou Carril, “iniciaremos unha xira por todas as parroquias do concello destinada a implicar ás nosas veciñas e veciños nesta xusta reclamación” dixo o portavoz nacionalista.

Desde o BNG sinalan que “o BNG xa levou varias veces a cuestión do Centro de día ao Pleno municipal neste mandato e, malia que todos prometían a dotación deste servizo nos seus programas electorais, a realidade é que nos atopamos co desleixo tanto do alcalde como do seu goberno municipal, e tamén o do Partido Popular” explicou Carril.

O portavoz nacionalista denuncia que neste momento hai veciñas e veciños que teñen que desprazarse a concellos limítrofes para poder ter este servizo “cando Arzúa podería e debería contar xa con esta dotación”. Carril referiuse tamén á necesidade que ten a veciñanza de Arzúa de contar “cun Centro de día público que axude a garantir a conciliación familiar e laboral”

Desde o BNG valoran moi positivamente a acollida da campaña “nunhas horas recolléronse centos de sinaturas e seguiremos nas vindeiras semanas intensificando esta recollida”. Explican desde o BNG que, ademais da recollida “porta a porta” que realizarán, teñen previsto pór pregos a disposición da veciñanza en diferentes establecementos do casco urbano arzuán.

“Animamos a toda a veciñanza a sumarse a esta campaña para conseguirmos que, pronto o Centro de día sexa unha realidade en Arzúa” concluíu Carril. 

 

O BNG inicia unha campaña para reclamar un Centro de día público para Arzúa