CARRIL: “VARIAS FAMILIAS DIRIXÍRONSE A NÓS PARA TRASLADARNOS A SÚA PREOCUPACIÓN POLOS DESPERFECTOS QUE PRESENTAN ALGUNHAS DAS INSTALACIÓNS DO PARQUE, QUE PODEN CONLEVAR PERIGO DE MANCARSE PARA AS CRIANZAS QUE AS USAN A DIARIO”
O BNG insta ao alcalde de Arzúa a reforzar o mantemento das instalacións dos parques infantís municipais
Solicitan tamén que se repoñan as fontes de auga potábel que foron eliminadas tanto no parque infantil situado fronte ao Campo da Feira como na praza contigua
O Portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, instou hoxe ao alcalde a que desde o Concello se revise o mantemento das instalación dos parques infantís municipais. Tal e como explicou Xoán Xesús Carril “varias familias dirixíronse a nós para trasladarnos a súa preocupación polos desperfectos que presentan algunhas das instalacións do parque, que poden conlevar perigo de mancarse para as crianzas que as usan a diario” sinalou.
Desde o BNG piden ao alcalde que se reforce o mantemento e a vixilancia destas instalacións que “como é de agardar tiveron moito uso durante estes calorosos meses de verán e requiren dun seguimento continuo para evitar accidentes” explicou o portavoz nacionalista en Arzúa.
Ademais, desde o BNG solicitan que se aproveite a realización das obras na praza que o alcalde anunciou recentemente para que se repoñan as fontes de auga potábel que foron eliminadas tanto no parque infantil situado situado fronte ao Campo da Feira como na praza contigua, onde está a estatua do emigrante. “Tanto o propio parque infantil como a praza contigua son zonas moi usadas para o xogo das e dos menores en Arzúa, e consideramos que ter este servizo é importante para garantir o seu benestar e o de calquera que poida precisar facer uso das fontes” explicou Carril.