O PLAN INTEGRAL DE ARRANXO DE PISTAS DAS PARROQUIAS, O ARRANXO DO “CHIRINGUITO” DE RIBADISO ASÍ COMO DA CONTORNA DA ÁREA RECREATIVA FORON OUTRAS DAS PROPOSTAS NACIONALISTAS

O BNG lamenta que o goberno municipal de Arzúa rexeitase incorporar ao orzamento para 2023 a segunda fase de saneamento na Castañeda

a_DSC01789
Xoán Xesús Carril e Lucía López
O BNG lamenta que o goberno municipal de Arzúa rexeitase incorporar ao orzamento para 2023 a segunda fase de saneamento na Castañeda

O Portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, referiuse hoxe á aprobación do orzamento municipal para o ano 2023, aprobado polo Pleno do Concello de Arzúa na tarde do xoves 2 de marzo.

Desde o BNG amosaron a súa sorpresa “xa que este goberno municipal, malia ter maioría absoluta, foi incapaz de elaborar os orzamentos nos dous anos anteriores. Agora, a poucos meses das eleccións municipais aproban en solitario un orzamento que chega con moito retraso e que é pura propaganda electoral” sinalou Carril.

Unha aprobación do orzamento que contou só cos votos favorábeis da equipa de goberno “pois non tiveron sequera vontade de incorporar ningunha proposta das que realizamos as demais forzas políticas” explicou o portavoz municipal do BNG.

“Desde o BNG propuxemos dotar economicamente a segunda fase do saneamento na parroquia da Castañeda, tendo en conta que sería a continuación das obras que se están a realizar actualmente e o custe é perfectamente asumible. Lamentablemente o goberno de José Luís García rexeitou a proposta” explicou Carril.

Desde a organización nacionalista rexistraron outras propostas para incorporar ao orzamento, entre elas contemplaban “un plan integral de arranxo de pistas das parroquias, o arranxo do “Chiringuito” e da contorna da Área Recreativa de Ribadiso, a automatización do acceso ás infraestruturas deportivas (pavillóns, pistas de pádel etc.) o arranxo do aparcadoiro público do Multiusos coa instalación dun sistema de acceso e peche intelixente ou o arranxo da contorna da feira e dos edificios” explicou Carril.

“Todas elas eran propostas razonables e necesarias, actuacións que levan moito tempo esperando e que son demandadas pola veciñanza,  e aínda así o goberno de José Luís García optou por rexeitalas. Desde o BNG seguiremos traballando para que estas e outras moitas actuacións que Arzúa tanto precisa se fagan realidade a partir das vindeiras eleccións municipais de maio da man do BNG” concluíu o portavoz municipal do BNG. 

O BNG lamenta que o goberno municipal de Arzúa rexeitase incorporar ao orzamento para 2023 a segunda fase de saneamento na Castañeda