CARRIL REFERIUSE AO DEFICITARIO ESTADO DE MANTEMENTO DA PISCINA “ALGO DO QUE O ALCALDE ESTABA SOBRADAMENTE ADVERTIDO, PERO LEVA MÁIS DE 10 ANOS SEN PRESTARLLE ATENCIÓN”
O BNG lamenta que “polo desleixo do alcalde as veciñas e veciños de Arzúa van tardar en poder desfrutar da piscina exterior este verán”
O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, referiuse hoxe á situación en que se atopa a piscina exterior, cuxa empresa concesionaria anunciou onte que “por un importante problema de mantemento” vaise retrasar a apertura da mesma.
A día de hoxe o vaso da piscina está baleiro e sen visos de cando se vai poder volver encher” explicou o portavoz nacionalista que lamentou que “polo desleixo do alcalde, as veciñas e veciños de Arzúa van tardar en poder desfrutar da piscina exterior este verán cando nos demais concellos da contorna estes servizos xa están en funcionamento”.
“O alcalde estaba sobradamente advertido da situación en que está a piscina, que require de facer obras de mantemento máis aló do ordinario, algo no que o goberno municipal actual leva máis de 10 anos sen prestarlle atención” sinalou Carril.
A organización nacionalista lembra que a finais de maio instou ao alcalde a revisar a instalación “para que se puidese abrir en tempo e forma, o 15 de xuño tal e como especifica o contrato de xestión desta instalación” explicou o voceiro nacionalista.
Desde o BNG instan ao alcalde a “dar explicacións públicas ás veciñas e veciños e aclarar se teñen algunha data prevista de apertura ou se este verán non haberá piscina exterior para as e os arzuáns” dixo Carril. “O alcalde, como xa é habitual nel, non fixo os deberes a tempo e agora as consecuencias páganas as veciñas e veciños de Arzúa”, concluíu Carril.