CHAMAN A ATENCIÓN SOBRE O FEITO DE QUE, POR TRES VECES NOS ÚLTIMOS MESES, O ALCALDE MANIFESTOU DIANTE D@S VECIÑ@S QUE XA ESTABA TODO RESOLTO E QUE AS OBRAS ÍAN COMEZAR, “PERO SEGUEN ESPERANDO” SENTENCIOU CARRIL
O BNG lembra que “despois de moitas promesas do alcalde, as veciñas e veciños da Castañeda seguen sen depuradora”
O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, saíu publicamente hoxe instando ao alcalde de Arzúa “a cumprir dunha vez co que leva prometendo desde antes das pasadas Eleccións municipais e resolva o problema que teñen as veciñas e veciños da Castañeda ao carecer de depuradora” explicou.
Desde o BNG lembran que “segue sen resolverse a cuestión da propiedade dos terreos onde se ubicaría a depuradora, co conseguinte retraso nas obras da mesma” sinalou Carril. “Antes das eleccións municipais o alcalde prometeu ás veciñas e veciños desta parroquia a depuradora. Despois das eleccións, e por 3 veces dixo, tanto en reunión mantida coa veciñanza como no propio Pleno ante preguntas formuladas polo BNG, que xa tiña todo listo e que xa se ía resolver, pero as veciñas e veciños desta parroquia seguen esperando” dixo Carril.
Desde o BNG instan ao goberno municipal de AxA-PSOE a “cumprir co prometido e resolver esta cuestión inmediatamente, pois o problema que hai en relación coa depuración de augas residuais e saneamento na Castañeda é moi grave e segue parado desde hai máis de 2 anos e de múltiples promesas” sinalou o portavoz nacionalista. “Se non é así, instamos ao alcalde a dar a cara diante das veciñas e veciños e decirlles a verdade, pois non é de recibo que sigan a recibir promesas que non vai cumprir” concluíu Carril.