NESTA MOCIÓN PROPOÑEN QUE “SE ESTUDE TECNICAMENTE SE É POSÍBEL ADQUIRIR A PARCELA DEFINIDA NO PXOM COMO ZONA VERDE E RECONVERTER A ACTUAL ZONA EXISTENTE NA RÚA EN VARIAS PRAZAS DE APARCADORIO” EXPLICAN DESDE O BNG.
O BNG levará unha moción de urxencia ao Pleno deste mércores 22 para atallar os problemas de falta de prazas de aparcadoiro para a veciñanza residente na Rúa do Caño
Carril: “pedímoslle ao alcalde deixe de actuar coma unha avestruz, agochando a cabeza e sen dar ningunha explicación nin solución e botando máis leña ao lume ao conflito que se está a xerar entre a veciñanza desta rúa”
O Grupo Municipal do BNG en Arzúa anunciou hoxe que presentará unha moción de urxencia no vindeiro Pleno, previsto para mañá mércores, 22 de xuño, ás 20 horas da tarde, en relación coa problemática existente na Rúa do Caño por mor da falta de prazas de aparcadoiro para as persoas residentes na mesma.
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, referiuse hoxe á que “esta situación está a crear un conflito entre a veciñanza e as decisións tomadas por parte do alcalde e o seu goberno municipal non axudan a que se resolva” explicou Carril.
Na moción que defenderán, desde o BNG propoñen que o Concello de Arzúa estude a viabilidade de ampliar as prazas de aparcadoiro valorando a posibilidade de adquisición dunha parcela existente na zona, definida no PXOM como zona verde, para habilitar nela unha zona de esparcimento e poder, así, reconverter a actual zona verde existente nesta rúa en varias prazas de aparcadoiro.
“Consideramos que esta podería ser unha solución, agora correspóndelle ao goberno municipal realizar os trámites pertinentes para estudar a viabilidade técnica desta proposta” explicou o portavoz nacionalista. “O importante é atallar un problema real que existe na rúa e que está xerando un conflito entre a veciñanza” sinalou Carril.
Ademais, nesta moción o grupo municipal nacionalista pídelle ao alcalde que “informe ás veciñas e veciños da Rúa do Caño cal é a motivación dos cambios que até o de agora se acometeron na rúa e cales ten previsto acometer no futuro” explicaron.
Desde o BNG reclaman que o alcalde “deixe de actuar coma un avestruz, agochando a cabeza e sen dar ningunha explicación nin solución acaída ás veciñas e veciños que llo están a demandar, e botando maís leña ao lume no conflito que xa se está a dar entre a veciñanza” concluíu Xoán Xesús Carril.