O BNG pedirá explicacións no Pleno ao Alcalde de Arzúa ante o retraso na licitación e apertura do Bar-Cafetería de Ribadiso
O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril expresou hoxe a súa “sorpresa e indignación” ante o feito de que o Concello de Arzúa aínda sacase a licitación o pasado venres 21 de xuño a concesión do Bar-Cafetería da Área Recreativa de Ribadiso.
Desde o BNG sinalan que “esta indignación é compartida por moita veciñanza, que ao longo destes días se dirixiu a nós, preocupada polo feito de que esta instalación de titularidade municipal, e da que visitantes e veciñas e veciños desfrutamos durante os meses de primavera e verán, seguise pechada a estas alturas” explicou Carril.
“A posibilidade de xerar emprego e termos esta instalación aberta durante os meses de primavera xa se perdeu, ao igual que o mes de xuño que está a piques de rematar. Tendo en conta que o prazo de presentación de ofertas expira o 15 de xullo, moito nos tememos que xullo será outro mes perdido” sinalou Carril.
A concesión desta instalación municipal por un total de 4 anos rematou este ano 2109. “Preocúpanos a falta de previsión por parte do goberno municipal, que tiña que ter prevista esta situación e licitar a concesión hai xa moitos meses. Desde logo, non é un comezo moi alentador para este novo mandato” sinalou Carril.
Desde o BNG din estar “preocupados” e agardan “que esta non vaia ser a tónica xeral durante os vindeiros 4 anos de goberno municipal” explicaron. “Desde logo, no Grupo Municipal do BNG estaremos vixiantes, pois a parálise na que estivo sumido o Concello de Arzúa os pasados 4 anos non se pode volver a repetir, así llo trasladaremos ao Alcalde e pediremos explicacións no Pleno” concluíu Carril.