CARRIL: “AS PRESAS DO ALCALDE POR FACER PROMESAS ELECTORAIS E A FALTA DE PREVISIÓN DO CONCELLO LEVOU A QUE LICITARAN A OBRA EN FEBREIRO E RETIRARAN A LICITACIÓN EN MARZO. SETE MESES DESPOIS O PARQUE INFANTIL SEGUE COMO ESTABA”
O BNG preguntará no vindeiro Pleno pola “promesa” da ampliación do Parque Infantil de Arzúa
O portavoz municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, pronunciouse hoxe en relación coa “promesa electoral” do alcalde de Arzúa de ampliar o Parque Infantil. Neste sentido, Carril informou de que “o goberno de José Luís García sacou a licitación esta obra no pasado mes de febreiro e retirou a licitación en marzo, apoiándose nun informe técnico que recomenda non facer unha instalación nova ao lado da antiga sen reformar antes esta última” explicou.
Desde o BNG consideran que “o goberno que encabeza José Luís García é un pulpo sen cabeza, non sabe cara onde vai, non ten un proxecto de Concello para Arzúa, como se pode constatar con este caso” explicou Carril.
O portavoz do BNG precisou que “as presas do alcalde por facer promesas electorais e a falta de previsión do Concello levou a que licitaran a obra en febreiro e retiraran a licitación en marzo. Sete meses despois o Parque Infantil segue como estaba, as nenas e nenos de Arzúa non contan cun parque infantil cuberto e o deterioro do antigo é maior” sinalou.
“Desde o BNG consideramos que as familias arzuás teñen dereito a desfrutar dun Parque Infantil en condicións, ademais o Concello conta cos fondos necesarios que lle chegan polo POS+, cos que pode facer moitas máis cousas das que fai” sinalou Carril.
Desde o BNG anuncian que “preguntaremos por esta cuestión no vindeiro Pleno do mes de outubro e esixiremos que se cumpran as promesas electorais que AxA-PSOE fixeron ás familias arzuás e agora están incumprindo por capricho” concluíu Carril.