CARRIL: “ARZÚA NON PODE SEGUIR COA ‘POLÍTICA DE PARCHES’ DESENVOLVIDA POLO GOBERNO MUNICIPAL NOS ÚLTIMOS ANOS. URXE QUE HAXA UN PROXECTO DE GOBERNO, NO BNG TÉMOLO E APLICARÉMOLO DESPOIS DAS ELECCIÓNS DE MAIO”

O BNG propón 10 medidas urxentes para o desenvolvemento socioeconómico de Arzúa

49422458_2359815604247459_4454244410120470528_n
O BNG propón 10 medidas urxentes para o desenvolvemento socioeconómico de Arzúa

O BNG rexistrou esta mañá no Concello de Arzúa un “decálogo de medidas urxentes e necesarias para o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio que queremos que sexan tidas en conta para os orzamentos municipais do ano 2019” explicou Xoán Xesús Carril, candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa nas vindeiras Eleccións municipais.

Deste xeito desde o BNG sinalaron que “tomámoslle a palabra ao alcalde, que dixo publicamente que tiña intención de levar a aprobación os orzamentos municipais para o ano 2019 neste mes de xaneiro, veremos se é así” explicou Carril.

Entre as 10 medidas urxentes propostas polo BNG salientan a elaboración dun Plan de potenciación da economía local e da actividade industrial, “para impulsar o comercio local, executar unha nova fase de ampliación do Polígono industrial que permita a implantación de novo tecido empresarial e a creación dun viveiro de empresas para novas e novos emprendedores” explicaron desde o Bloque.

Contempla tamén o necesario “lavado de cara” da rúa Fraga do Rei en toda a súa lonxitude para facer deste importante viario un espazo máis funcional e atractivo; a redacción e desenvolvemento do Plan Especial do Casco Histórico (PECA), a posta en marcha dun Plan Municipal de Turismo “tendo en conta o peso que este sector ten para a economía arzuá” e “o incremento na dotación orzamentaria para os programas de conciliación da vida familiar e laboral”, salientou Carril.

Outra das 10 medidas urxentes propostas polo BNG contempla a elaboración dun estudo sobre a situación actual da rede de saneamento no concello para pór en marcha un Plan integral de actuación que “permita subsanar as carencias e deficiencias que presenta a actual rede, non só no ámbito rural, senón tamén no urbano onde lugares como o Camiño da Empegada ou o dos Frades verten para fosas” explican desde o Bloque.

Neste decálogo o BNG refírese tamén á necesidade de ampliación e mellora da rede de abastecemento de auga en todo o concello, “con especial atención aos núcleos rurais que actualmente carecen dela ou nos que presenta un estado moi deficitario” sinalan desde o Bloque.

As e os nacionalistas propoñen tamén establecer accións programadas dirixidas ao fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, á prevención da violencia machista e á introdución da perspectiva de xénero en todas as intervencións de carácter preventivo-educativo, “accións que se deberán estender máis alá do ámbito urbano achegándoas tamén ao rural arzuán” explican.

A mellora e mantemento das infraestruturas e instalacións deportivas de titularidade municipal ocupa tamén un espazo neste decálogo, pois, segundo sinala Carril “as instalacións deportivas dependentes do concello están abandonadas, non hai máis que ver como se atopan por exemplo as ubicadas nas Hortas, os exteriores do pavillón de Santa María ou as necesidades que presenta o campo de fútbol municipal, onde cumpriría repoñer o céspede artificial xa que está moi deteriorado” explicou.

Carril salientou que “Arzúa non pode seguir a vivir da ‘política de parches’ desenvolvida polo goberno municipal nos últimos anos. Urxe que haxa un proxecto de concello con ideas claras que saquen a Arzúa da parálise na que leva instalada nos últimos mandatos municipais. No BNG temos ese proxecto de goberno e ímolo aplicar a partir das eleccións municipais de maio”.

O BNG propón 10 medidas urxentes para o desenvolvemento socioeconómico de Arzúa