O BNG propón uns orzamentos que incrementen o gasto social e que contemplen novas infraestruturas, ampliando o gasto nas parroquias rurais e contemplando a segunda fase da rúa Fraga do Rei

Xoán Xesús Carril, Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, e Lucía López, concelleira do BNG en Arzúa

O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou hoxe algunhas das propostas que a formación nacionalista presentou ao alcalde e ao goberno municipal para seren tidas en conta no proceso de elaboración dos Orzamentos Municipais do ano 2021.

“Ao longo dos vindeiros días desde o BNG iremos desgranando  as moitas propostas que realizamos para os Orzamentos municipais de Arzúa, xurdidas das demandas que nos teñen trasladado as nosas veciñas e veciños” explicou Carril.

A organización nacionalista reclama “uns orzamentos que amplien o gasto social, permitindo recuperar servizos como o coñecido como “Madrugadores” para o atendemento das crianzas e idade escolar e, así, facilitar a conciliación familiar e laboral” sinalou o Portavoz nacionalista.

Máis gasto nas parroquias rurais: plan de arranxo de pistas, traída de augas e saneamento

Do mesmo xeito, desde o BNG propoñen incrementar o gasto “en novas infraestruturas, xa que Arzúa leva máis de 10 anos estancada neste sentido” dixo Carril. Así, reclaman que se incremente o gasto dirixido ás parroquias rurais de Arzúa “cómpre que se faga seriamente un plan de arranxo de pistas, traídas de auga e saneamento, entre outras cuestións que garantan que se atenden as necesidades da veciñanza que vive nas parroquias arzuás” explican desde o BNG.

Incorporación aos orzamentos da segunda fase das obras de arranxo da Rúa Fraga do Rei

Do mesmo xeito, desde a organización nacionalista reclaman que os orzamentos para o ano 2021 contemplen as actuacións “no que debería ser a segunda fase de humanización da rúa Fraga do Rei” explican. “A comezos do ano 2020 o alcalde anunciou o inicio dunhas obras que van supor apenas o arranxo de 100 metros desta Rúa. A veciñanza aínda está a agardar información de cando e como van desenvolverse estas obras, e o lóxico será que nos orzamentos do ano 2021 se contemple a a segunda fase das mesmas” concluíu Carril.

O BNG propón uns orzamentos que incrementen o gasto social e que contemplen novas infraestruturas, ampliando o gasto nas parroquias rurais e contemplando a segunda fase da rúa Fraga do Rei