CARRIL: “O PP TÓMALLE O PELO ÁS VECIÑAS E VECIÑOS. VÉNDENOS QUE APOSTA POLO RURAL, MAIS NON DESTINA NEN UN SÓ EURO EN INVERSIÓNS PARA ARZÚA NOS ORZAMENTOS”

O BNG reclama 5.000.000 de Euros para investimentos da Xunta en Arzúa

MG8_0789
Xoán Xesús Carril, portavoz municipal do BNG en Arzúa

Presentou emendas aos orzamentos que se están a debater no Parlamento Galego

O BNG reclama 5.000.000 de Euros para investimentos da Xunta en Arzúa

O portavoz municipal do BNG en Arzúa anunciou hoxe que a formación nacionalista vén de presentar diferentes emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para “rematar con esta descriminación que ano tras ano sofre Arzúa por parte do goberno do PP”. “O PP tómalle o pelo ás veciñas e veciños. Véndenos que aposta polo rural, pero non destina nen un só euro en inversións para Arzúa nos orzamentos”, afirmou Carril.

Servizos e infraestructuras para asentar poboación

As e os nacionalistas consideran que o avellantamento poboacional en Arzúa é un feito, motivo polo cal presentaron unha emenda para a construcción dun centro de día en Arzúa. “É imprescindíbel e urxente a construcción dun centro de día en Arzúa para darlle un atendemento digno á xente maior que o precisa e que, ao mesmo tempo, permita a conciliación laboral e familiar”, afirmou Carril.

Tamén en relación coa situación socio-económica, o BNG presentou unha emenda para a ampliación do polígono industrial e a mellora das comunicacións coa A-54. “Estas acutacións permitirían crear postos de traballo no noso concello, para evitar que a xente moza continúe a marchar cara ás cidades na búsqueda de oportunidades laborais”, afirmou Carril, ao tempo que indicou que “temos unha situación xeográfica priviliexiada. Estamos no centro do país e agora temos unha autovía que debemos aproveitar se non queremos que pouco a pouco Arzúa se quede sen vida. Nós confiamos nas capacidades deste Concello e temos un proxecto para el”, sentenciou o portavoz.

A organización nacionalista presentou tamén unha emenda para a instalación de infraestructuras de telecomunicacións que permita ás parroquias de Oíns, Dodro e San Martiño “contar cunhas comunicacións do século XXI, xa que na actualidade en moitos puntos destas parroquias nen sequera hai cobertura móbil”, explicou Carril. 

Humanización de rúas na vila, novo depósito de auga potábel e concentración parcelaria en Burres

O voceiro do BNG no Concello de Arzúa informou tamén da presentación de emendas para a humanización das rúas Neira Vilas e Ramón Franco, propiedade da Xunta e que se atopan nun “estado de conservación pésimo”. Segundo Carril, “que a rúa que leva á residencia de maiores e á gardería teña tramos sen beirarrúas non colle na cabeza de ninguén. Precisan urxentemente dunha reforma”. 

Por outra banda, informou tamén de outra emenda para a construcción dun novo depósito de almacenamento de auga potábel no lugar de Seixas, xa que segundo o nacionalista “o depósito actual xa ten máis de 50 anos e as limitacións son evidentes. En épocas de choivas, a turbidez da auga é habitual porque o consumo de auga supera á capacidade de decantación.” afirmou.

Desde o BNG afirmaron tamén que “o que pasa coa concentración parcelaria en Burres, é outro exemplo do abandono do Partido Popular co rural deste país”, por iso “presentamos unha emenda neste sentido para que dunha vez por todas se leve a cabo. Leva anos e anos de retraso.”, finalizou Carril.

O BNG reclama 5.000.000 de Euros para investimentos da Xunta en Arzúa