RECLAMAN TAMÉN QUE SE ADECENTE A CONTORNA DA PISCINA QUE ESTÁ “NUN COMPLETO ABANDONO NESTE MOMENTO” SINALOU CARRIL
O BNG reclama que se amplíen os horarios da piscina cuberta e do ximnasio municipal tal e como demanda a veciñanza
O Portavoz Municipal do BNG no Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril, reclama a ampliación dos horarios da piscina cuberta e do ximnasio municipal. “Foron moitas veciñas e veciños, usuarios habituais destas infraestruturas, que se dirixiron ao BNG para amosarnos o seu malestar polo recorte horario que se produciu por mor das datas de verán, e, en xeral, polos reducidos horarios ao longo do ano que dificultan que moitas persoas poidan facer uso destas instalacións municipais” explicou.
Así, desde o BNG informan de que no vindeiro Pleno, convocado para mañá xoves, 1 de xullo, levarán unha iniciativa solicitando que se estude a ampliación destes horarios, e o reforzo de persoal durante as datas de verán “de maneira que se garanta o dereito ao descanso das traballadoras e traballadores co dereito das veciñas e veciños a empregar estas instalacións” explicou Carril.
Do mesmo xeito, desde o BNG reclaman tamén que se adecente a contorna da piscina cuberta que está “nestes momentos nun completo abandono” concluíu Carril.