DENUNCIAN RECORTES NAS HORAS DE DOCENCIA ESPECIALIZADA, MALIA INCREMENTARSE NESTE CURSO O ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECIAIS NUN 28%

O BNG reúnese coas ANPAS do CEIP de Arzúa e levará ao Parlamento galego os recortes neste centro de ensino

Reunión ANPAS Arzúa 1
Xuntanza do BNG en Arzúa coas ANPAS do CEIP

Anuncian tamén a presentación dunha moción no Concello ante o que cualifican como “outro ataque aos servizos públicos en Arzúa”

 

O BNG reúnese coas ANPAS do CEIP de Arzúa e levará ao Parlamento galego os recortes neste centro de ensino

O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, xunto coa Deputada e co Deputado do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas e Xosé Luís Rivas “Mini”, e coa concelleira do BNG en Arzúa, Lucía López, mantiveron unha reunión con representantes da ANPA O Formento e da ANPA Xermolos, pertencentes ao CEIP de Arzúa.

Nesta xuntanza “abordamos a preocupación amosada polas nais e pais ante o recorte destas horas de docencia, un recorte que non se explica se temos en conta o aumento de arredor dun 28% de alumnado con necesidades especiais neste curso, segundo consta na propia Programación Xeral Anual do centro” explicou Carril. Tal e como explicaron desde ambas ANPAS, na actualidade vense afectadas por este recorte as prazas de Pedagoxía Terapeútica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).

Pola súa banda, Mercedes Queixas, Deputada do BNG encargada da área de ensino no Parlamento galego, explicou que “estamos ante unha avalancha de recortes que o Goberno do PP está a aplicar en todos os niveis do ensino público, cebándose especialmente cos centros de ensino ubicados en concellos rurais” sinalou. “A situación é especialmente grave en casos como o que están a denunciar as nais e pais de Arzúa, alumnado con necesidades especiais que fica sen as horas de docencia necesarias para garantir a calidade educativa, e un profesorado saturado e maltratado polo Goberno do PP” explicou Queixas. A parlamentaria do BNG anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento “encamiñadas a reverter esta situación”, sinalou.

Apoio do Grupo Municipal do BNG e presentación dunha moción no Concello

Pola súa banda, desde o Grupo Municipal do BNG en Arzúa trasladaron o seu total apoio á comunidade educativa do CEIP de Arzúa ante o que cualifican “doutro ataque aos servizos no noso concello. Á perda doutros servizos seguimos sumándolle os recortes no único Colexio público que existe en Arzúa, isto é só a punta do iceberg do abandono que sofren concellos rurais coma o noso e non podemos permitilo” explicou a concelleira Lucía López, quen animou ás ANPAS a seguir dando a batalla.

O BNG reclama tamén do Goberno local que se interese pola situación e que se sume a esta demanda fronte á Xunta de Galiza, motivo para o cal anunciaron desde xa “o rexistro dunha moción tamén no Concello de Arzúa encamiñada a acadar un acordo plenario neste sentido” concluíron.  

O BNG reúnese coas ANPAS do CEIP de Arzúa e levará ao Parlamento galego os recortes neste centro de ensino