A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA RECLAMA CINCO MILLÓNS DE EUROS “PARA REMATAR COA DISCRIMINACIÓN QUE, ANO TRAS ANO, SOFRE ARZÚA POR PARTE DO GOBERNO DO PP” EXPLICOU CARRIL.

O BNG rexistra emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2023 reclamando máis investimento para Arzúa

bng_Arzúa_emendas_Xunta2023_2
Xoán Xesús Carril, Mini Rivas e Lucía López
O BNG rexistra emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2023 reclamando máis investimento para Arzúa

O BNG presentou en Arzúa as emendas rexistradas aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023. Un total de cinco millóns de euros que as e os nacionalistas reclaman para “rematar coa discriminación que ano tras ano sofre Arzúa por parte do goberno do PP” sinalou Xoán Xesus Carril, Portavoz Municipal do BNG en Arzúa.

“Ano tras ano comprobamos como Arzúa fica desaparecida nos orzamentos da Xunta, nin un só euro para infraestruturas ou investimentos necesarios no noso concello que desde o BNG reclamamos con estas emendas, que agardamos que sexan tidas en conta” explicou Carril.

Servizos e infraestructuras para asentar poboación

Até Arzúa desprazouse o deputado do BNG no Parlamento galego, Xosé Luís Rivas “Mini” que expuxo as demandas rexistradas. A ampliación do polígono industrial e a mellora das comunicacións coa A54, a instalación de infraestruturas de telecomunicacións que permitan ás parroquias de Oíns, Dodro e San Martiño contar con cobertura móbil, a día de hoxe carente en moitos puntos destas parroquias, a humanización das rúas Neira Vilas e Ramón Franco, a construción dun novo depósito de almacenamento de auga potábel no lugar de Seixas, o remate da concentración parcelaria en Burres e a construción dun Centro de Día, imprescindíbel e urxente para darlle un atendemento digno á xente maior que o precisa e que, ao mesmo tempo, permita a conciliación laboral e familiar”, centran a atención das e dos nacionalistas nas emendas rexistradas.

“Todas elas son emendas que buscan dotar a Arzúa de máis e mellores infraestruturas e cumprir con débedas que a Xunta ten co noso concello desde fai máis dunha década” explicou Lucía López, concelleira do BNG.

Desde a organización nacionalista interpelan ao Partido Popular para que “deixe de marxinar a Arzúa e que actúe dunha vez tomando en conta estas emendas para reverter a perda de poboación e abandono que sofre o noso concello” explicou Carril. “No BNG confiamos nas capacidades de Arzúa e temos un proxecto claro para a nosa a veciñanza” concluíu o portavoz nacionalista. 

O BNG rexistra emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2023 reclamando máis investimento para Arzúa