ANUNCIAN O REXISTRO DAS PRIMEIRAS INICIATIVAS PARA FACER “UNHA OPOSICIÓN CONSTRUTIVA, COA ÚNICA MOTIVACIÓN DE POÑER AS NECESIDADES DE ARZÚA NO PRIMEIRO PLANO” SINALAN
O BNG rexistra o grupo municipal no Concello de Arzúa, que terá como portavoz a Xoán Xesús Carril
O BNG de Arzúa rexistrou hoxe a constitución do grupo municipal no Concello, que terá por portavoz municipal a Carril. Nun escrito dirixido ao Alcalde, Xoán Xesús Carril e Lucía López informaron, tal e como a lei indica dentro dos 5 días posteriores ao Pleno de toma de posesión, da creación do mesmo.
Desde o BNG amosanse “ilusionados e con moitas ganas de traballar por poñer as necesidades de Arzúa no primeiro plano, esa será a nosa única motivación e o noso único empeño ao longo destes 4 anos” explicou Carril.
“O BNG regresa ao Concello de Arzúa para facer política en beneficio das veciñas e veciños, con ideas e con propostas. Desde xa, tendémoslle a man a toda a veciñanza para ser a súa voz” sinalou Lucía López.
Primeiras iniciativas presentadas para facer unha “oposición construtiva”
“Exerceremos unha oposición construtiva, útil para as veciñas e veciños” sinalou o portavoz do BNG quen avanzou tamén que desde o BNG xa rexistraron unha moción “encamiñada a facer de Arzúa un concello cardioprotexido, coa instalación de equipos de desfibrilación nos lugares de maior afluencia e tránsito de persoas” explicou Carril.
“Esta iniciativa parte da proposta que nos fixeron chegar veciñas e veciños de Arzúa, preocupadas porque as mortes por parada cardio-respiratoria representan un problema de primeira magnitude para a saúde pública e en Arzúa xa tivemos varios sustos” explicou Lucía López. “É necesario dotar ao noso Concello de espazos cardioprotexidos de acordo coa normativa vixente, dotando deste equipamento, por exemplo, ás instalacións deportivas municipais e outros lugares polos que transita un gran número de persoas” explicou a concelleira do BNG.
Accións que permitan regular o tráfico e reducir a sinistralidade no casco urbano
Na mesma liña de propostas a desenvolver, desde o BNG anuncian que tamén rexistrarán unha iniciativa encamiñada a que o Concello solicite permiso ante o Ministerio de Fomento para acometer actuacións que permitan regular a maior carga de tráfico rodado que está a soportar a N- 547 ao seu paso polo casco urbano de Arzúa.
“Chéganos por parte de numerosas veciñas e veciños queixas ante as retencións que se están a provocar a consecuencia deste incremento de tráfico, consecuencia da apertura no pasado mes de maio do tramo da autovía A-54 de Arzúa a Santiago, así como tamén de persoas preocupadas pola alta sinistralidade que se produce nalgúns puntos como nas proximidades da Praza de Galiza, onde xa se produciron varios atropelos” explicou Carril. “Desde o BNG consideramos que son asuntos que requiren da atención do Concello, por iso presentaremos tamén esta iniciativa” concluíron desde o grupo municial do BNG.