SOLICITAN QUE DESDE O CONCELLO SE POÑA EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN Á VECIÑANZA E TURISTAS INSISTINDO NA NECESIDADE DE CUMPRIR ESTRITAMENTE COAS MEDIDAS HIXIÉNICO-SANITARIAS
O BNG solicita que se reactive a Comisión de seguimento da COVID19 no Concello de Arzúa
Arzúa, 20 de xullo do 2020.- O Portavoz Municipal do BNG no Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril, dirixiuse hoxe á alcaldía para solicitar que se reactive a Comisión de seguimento da COVID19 neste Concello.
Tal e como expresou Carril, “á vista dos datos feitos públicos nos medios de comunicación, que onte arroxaban unhas cifras de 20 contaxios activos na Área Sanitaria de Compostela dos cales 7 pertencían ao noso Concello, e hoxe xa estamos en 8 persoas contaxiadas, cremos necesaria que a Comisión volva estar activa con urxencia para avaliar a situación con todos os axentes implicados” sinalou.
Desde o BNG fan un chamamento “ao coidado e á prudencia entre a nosa veciñanza, o virus segue aí como podemos comprobar á vista dos datos, non podemos relaxarnos” sinalou Carril, e chaman a que “desde o Concello se conte con todos os grupos políticos reactivando a Comisión de seguimento da COVID19 e que se faga unha campaña de información á veciñanza e turistas insistindo na necesidade de cumprir estritamente con todas as medidas hixiénico-sanitarias para frear o brote que temos no noso concello e tratar de evitar que se poidan producir máis no futuro" sinalou Carril.
Revisión do protocolo de comunicación dos contaxios que se está a seguir por parte do SERGAS
A organización nacionalista solicita tamén que se revise o protocolo de comunicación dos contaxios ás persoas afectadas que se está a desenvolver desde o SERGAS. “Á vista dos últimos acontecemento coidamos necesaria a revisión deste protocolo, é importante que a comunicación ás persoas contaxiadas se realice dunha maneira máis áxil, de xeito que se poidan detectar canto antes os posíbeis contactos con outras persoas” sinalou Carril.
“Temos coñecemento do malestar xerado entre a nosa veciñanza ao coñecérense os datos de contaxio polos medios de comunicación moito antes de que as propias persoas portadoras do virus se lles comunicase o resultado positivo das súas probas, unha situación que debe ser corrixida de inmediato” expresou Carril.
“Desde o BNG queremos aproveitar para transmitirlles ás persoas afectadas todo o noso ánimo e forza, desexándolles unha pronta recuperación” concluíu o portavoz nacionalista.