CARRIL RECLAMA “MAIOR IMPLICACIÓN E RECURSOS ECONÓMICOS” AO GOBERNO MUNICIPAL E Á XUNTA DE GALIZA PARA QUE ESTE PROXECTO POIDA SAÍR ADIANTE
O BNG traslada a AMARAI o seu apoio para a construción dunha residencia para persoas con discapacidade en Arzúa
O portavoz municipal Xoán Xesús Carril, e o responsábel local do BNG, Manuel García López, visitaron a sede de AMARAI, Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio a Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide, onde mantiveron unha xuntanza co seu presidente, José Luís Costoya.
Nesta reunión, o BNG puido coñecer de primeira man o proxecto que desde Amarai queren levar a cabo, consistente na construción en Arzúa dunha Residencia para persoas con discapacidade. Para isto, desde AMARAI piden a cesión por parte do Concello de Arzúa dunha das naves da feira do gando, que na actualidade se atopan en desuso.
O Portavoz municipal do BNG trasladou “o apoio do BNG a este proxecto, para o cal reclamamos maior implicación e recursos económicos tanto por parte do goberno municipal de Arzúa como por parte da Xunta de Galiza” sinalou Carril.
Carril louvou o traballo que desde AMARAI levan desenvolvendo desde a súa constitución no ano 1997 “25 anos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, fomentando a inclusión plena destas persoas en todos os eidos sociais e defendendo os seus dereitos” concluíu o voceiro nacionalista.