DENUNCIAMOS A LAMENTABLE FALTA DE MANTEMENTO DOS VESTIARIOS, DA PISTA DE ATLETISMO E A CAÍDA XA HAI UNS DÍAS DUNHA PARTE DA VALLA PERIMETRAL DO CAMPO DE FÚTBOL
Carril: “Apostamos por unha política deportiva diferente, que prime a atención permanente ao deporte de base e o coidado das instalacións deportivas municipais”
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e a nº 2 do BNG, Lucía López, achegáronse ao campo de fútbol para comprobar o deteriorado estado das instalacións
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carrill, acompañado da número 2, Lucía López, achegouse ao campo de fútbol municipal onde “comprobamos en primeira persoa o deteriorado estado das instalacións” expresou Carril.
Desde o BNG explicamos a nosa proposta en materia de deporte: “apostamos por unha política deportiva diferente, que prime a atención permanente ao deporte de base e o coidado das instalacións municipais” sinalou Carril.
“Desde o BNG priorizaremos a democratización e fomento do deporte para todas as idades e con diferentes capacidades, abrindo totalmente as portas das infraestruturas deportivas e fomentando por igual todas as modalidades deportivas” explicou Carril, que, engadiu, “non pode ser que haxa infraestruturas infrautilizadas e descoidadas e que o concello non teña un proxecto deportivo para Arzúa, como amosou ao longo destes anos o actual goberno municipal”.
As e os nacionalistas denunciamosque “a lamentable falta de mantemento dos vestiarios, da pista de atletismo, o panel solar do campo de fútbol que leva anos roto, a rotura na cuberta do corredor do pavillón do Viso que segue sen amañarse, ou a caída xa hai uns días dunha parte da valla perimetral do campo de fútbol, son exemplos do desleixo do goberno municipal con todo o que ten que ver o deporte” sinalamos.
Carril explicou que “no BNG temos ideas claras e promoveremos sempre a práctica deportiva xa que é un elemento que fomenta hábitos de vida saudábeis entre a poboación, facilita o contacto entre as veciñas e veciños e fomenta valores de esforzo, respecto e amizade” dixo. “ É a hora de romper co esquema de parálise e abandono no que este equipo de goberno sumiu a Arzúa nestes últimos 8 anos apostando polo BNG” concluíu.