O DESENVOLVEMENTO DUN PLAN INTEGRAL DE ARRANXO DE PISTAS,A EXTENSIÓN DA REDE DE SANEAMENTO E TRAÍDAS DE AUGA, A EXTENSIÓN DA FIBRA ÓPTICA E DA COBERTURA MÓBIL E A REVITALIZACIÓN DA ACTIVIDADE NOS LOCAIS SOCIAIS SON OUTRAS DAS PROPOSTAS QUE O BNG DEFENDE PARA AS PARROQUIAS.
Carril presenta o programa de goberno do BNG para as parroquias e comprométese a pór en marcha un servizo público de transporte a demanda e a mellorar a xestión do lixo
“Non pode ser que haxa parroquias de primeira e parroquias de segunda, como aconteceu con este goberno municipal nos últimos anos” sinalou Carril
Arzúa, 21 de maio de 2023.- O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou o programa de goberno da organización nacionalista para as parroquias.
Así, o candidato do BNG comprometeuse a que, “o BNG desde a Alcaldía porá en marcha un servizo público de transporte a demanda para facilitar o desprazamento daquelas veciñas e veciños que precisen achegarse ao casco urbano para facer xestións como acudir ao centro médico, facer a compra, ir ao banco, ir á feira ou calquera outra xestión do día a día” explicou Carril. “Entendemos que é un servizo moi necesario que facilitaría a vida a moitas veciñas e veciños” sinalan desde o BNG.
En relación coa xestión do lixo, Carril incidiu en que “co BNG no goberno municipal aumentaremos a frecuencia da recollida do lixo nas parroquias e tamén a colocación de contedores, para favorecer a reciclaxe” explicou. “Neste momento o Concello de Arzúa está a pagar unha grande cantidade de diñeiro público anual como penalización por non facer unha correcta separación dos residuos” informou o candidato nacionalista e, engadiu, “entendemos que desde o goberno municipal hai moito por facer neste sentido por iso é importante facilitar a reciclaxe coa extensión dos diferentes contedores a todas as parroquias” explicou.
O desenvolvemento dun Plan integral de arranxo de pistas “absolutamente abandonadas por este goberno municipal”, a extensión da rede de saneamento e traídas de auga, a extensión da fibra óptica e da cobertura móbil e a revitalización da actividade nos Locais Sociais son outras das propostas que o BNG defende para as parroquias.
“A veciñanza das parroquias de Arzúa debe ter os mesmos dereitos e ser tratada por igual. Non pode ser que haxa parroquias de primeira e parroquias de segunda, como aconteceu con este goberno municipal nos últimos anos” sinalou Carril. “Un goberno do BNG no concello de Arzúa terá isto sempre presente” concluíu o candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.