O BNG ORGANIZOU ESTA NOITE UNHA ASEMBLEA ABERTA COAS VECIÑAS E VECIÑOS DA RÚA FRAGA DO REI PARA FALAR DA URBANIZACIÓN DESTA RÚA

Carril: “Esixiremos que se poñan prazos e información pública sobre as fases nas que o goberno municipal prevé ter concluída ao completo a urbanización da Fraga do Rei”

fraga_do_rei_2
Xoán Xesús Carril e Lucía López na Asemblea aberta celebrada con veciñas e veciños da Fraga do Rei

López:  “constatamos a falta de información da veciñanza en relación co que o Concello pretende facer na Fraga do Rei, pois desde o goberno municipal non houbo interese ningún por informar nin consensuar cos veciños e veciñas”

Carril: “Esixiremos que se poñan prazos e información pública sobre as fases nas que o goberno municipal prevé ter concluída ao completo a urbanización da Fraga do Rei”

O concelleiro e a concelleira do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril e Lucía López, participaron esta noite nunha asemblea aberta que tivo lugar na Aula 3 do Edificio Multiusos “Terra do Queixo”, e á que foi convocada toda a veciñanza da Rúa Fraga do Rei para falar da urbanización prevista nesta rúa.

Desde o BNG destacaron “a falta de información ás veciñas e veciños facilitada desde o Concello” así como, “os anuncios electoralistas realizados en maio,  antes das eleccións municipais, nos que desde a Alcaldía anunciaban en prensa que se ía urbanizar unha boa parte desta rúa. Máis de medio ano despois dese anuncio electoralista, a sorpresa é que o pasado 14 de xaneiro sacárona a licitación e no proxecto só está prevista a urbanización de arredor de 190 metros, cando a rúa ten arredor de 550 metros” explicou Carril.

“Ademais, non se coñecen as fases nin os recursos cos que o Concello ten previsto completar a urbanización desta rúa, unha das arterias principais do casco urbano de Arzúa e unha das máis poboadas” sinalou Lucía López.

Desde o BNG explicaron á veciñanza que pedirán explicacións no vindeiro Pleno “habida conta da falta de información e planificación da que adoece o Concello” explicou Lucía López e, engadiu, “nesta asemblea constatamos a falta de información que ten a veciñanza en relación co que o Concello pretende facer na Fraga do Rei, pois desde o goberno municipal non houbo interese ningún por informar nin consensuar cos veciños e veciñas”

“A urbanización da Rúa Fraga do Rei é unha obra moi necesaria e demandada con toda a razón pola veciñanza, por iso resulta escandaloso que non se coñeza cal é o proxecto integral que se pretende desenvolver na rúa. Trasladaremos as propostas que nos fixeron as veciñas e veciños ao Pleno e esixiremos que se poñan prazos e información pública sobre as fases nas que o goberno municipal prevé ter concluída ao completo a urbanización da Fraga do Rei” concluíu Carril.

Carril: “Esixiremos que se poñan prazos e información pública sobre as fases nas que o goberno municipal prevé ter concluída ao completo a urbanización da Fraga do Rei”