O BNG REXEITA ESTA CUESTIÓN CO VOTO EN CONTRA NO PLENO E ANUNCIA A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS

O Concello de Arzúa restrinxe o debate e a presentación de mocións nos Plenos cunha modificación do Regulamento Orgánico Municipal

Foto_Pleno
Pleno do Concello de Arzúa [Imaxe de arquivo]
Carril: “Semella que o goberno de AxA-PSOE quere rematar os Plenos en media hora, cobrar e marchar para a casa, sen que haxa ningún tipo de debate, algo co que desde o BNG non estamos en absoluto de acordo”
O Concello de Arzúa restrinxe o debate e a presentación de mocións nos Plenos cunha modificación do Regulamento Orgánico Municipal

 O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril Ramos, explicou hoxe que no pasado Pleno do Concello de Arzúa, celebrado o pasado mércores 27 de novembro, aprobouse “unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal que restrinxe e limita moito a presentación de mocións por parte dos grupos políticos, así como o debate das mesas” explicou Carril.

“No que respecta ás mocións de urxencia, restrínxese tan só á posibilidade de que cada grupo poida presentar 1 moción por pleno, facendo constar a prohibición de que, de non prosperar a urxencia non se recollerá na acta o expresado polos grupos políticos nin se permitirá o debate, o cal impedirá que os diferentes grupos poidamos expresar o sentido do noso voto” sinalou Carril.

Desde o BNG explican que “non nos convencen os argumentos expresados polo grupo de goberno de AxA- PSOE, que xustifican esta decisión alegando que se non se restrinxe os Plenos durarían moito” explicou o portavoz nacionalista. “Desde o noso punto de vista os Plenos, como máximo órgano depositario da vontade democrática da nosa veciñanza, teñen que ser útiles para debater todas as cuestións que afectan ás e aos arzuáns e non pode ser argumento o da súa duración pois tanto o alcalde como o seu equipo de goberno cobran, e non pouco, por realizar este traballo, ao igual que todas e todos os membros dos grupos con representación na Corporación” sinalou, e engadiu, “que menos que adicar o tempo que sexa necesario ao debate das cuestións que afectan ás nosas veciñas e veciños” dixo Carril.

“Semella que o goberno de AxA-PSOE quere rematar os Plenos en media hora, cobrar e marchar para a casa, sen que haxa ningún tipo de debate, algo co que desde o BNG non estamos en absoluto de acordo” sentenciou o Portavoz do BNG.

“É necesario que toda a veciñanza saiba isto, pois o goberno de AxA-PSOE está incurrindo con este proceder en actitudes antidemocráticas, prohibindo con esta modificación do Regulamento cuestións que estaban establecidas desde hai moitos anos no noso Concello” sinalou Carril.

Desde o BNG anuncian xa que, ao igual que expresaron nas intervencións no Pleno e co seu voto en contra destas modificacións, presentarán alegacións a esta modificación do Regulamento, que agora pasa a exposición pública. Fundamentalmente irán dirixidas a intentar eliminar as restricións impostas no debate e presentación de mocións, así como nas prohibicións e limitacións que se contemplan en canto ao contido das actas plenarias.

 

O Concello de Arzúa restrinxe o debate e a presentación de mocións nos Plenos cunha modificación do Regulamento Orgánico Municipal