CARRIL: “FAGO UN CHAMAMENTO A TODA A NOSA VECIÑANZA QUE SABE QUE NO BNG TRABALLAMOS SEMPRE POR CONSTRUÍR UNHA ARZÚA MELLOR, A VOTAR AO BNG O VINDEIRO 10 DE NOVEMBRO PARA QUE GALIZA ESTEA REPRESENTADA NO CONGRESO. É A ÚNICA GARANTÍA DE QUE AS NOSAS DEMANDAS VAIAN SER ESCOITADAS”
Néstor Rego anuncia en Arzúa que traballará desde o Congreso para desbloquear a situación da rehabilitación da coñecida como “Casa de Correos”
O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, acompañado do Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, e outros militantes e simpatizantes do BNG, estivo en Arzúa visitando a coñecida como antiga Casa de Correos.
Rego comprometeuse a “desbloquear coa representación do BNG no Congreso a rehabilitación deste inmoble, para darlle un uso público para o beneficio e desfrute da veciñanza de Arzúa” sinalou. O candidato nacionalista expresou “a necesidade que ten Galiza de contar cunha voz propia como a do BNG no Congreso para poder levar demandas como esta até alí” dixo.
Carril aproveitou a ocasión para lembrar que “desde hai xa anos escoitamos as promesas tanto por parte do Ministerio, da Xunta de Galiza – actual propietaria do inmoble – como por parte do Concello, de que se ían iniciar xa as obras de rehabilitación da Casa de Correos, sen que polo de agora se dese ningún paso mentres o deterioro vai a máis cada ano que pasa” explicou.
“A rehabilitación deste inmoble xa fai anos que foi incorporada a un Concurso de Ideas do Ministerio de Fomento facéndose propaganda tanto desde o Concello como do Ministerio de que se ían investir miles de euros, con anuncios de que xa ían comezar a rehabilitación desde o ano 2016 sen que até o de agora as e os arzuáns vísemos un peso” sentenciou Carril.
Por iso, engadiu o portavoz nacionalista “fago un chamamento a toda a nosa veciñanza que sabe que no BNG traballamos sempre por construír unha Arzúa mellor, a votar ao BNG o vindeiro 10 de novembro para que Galiza estea representada no Congreso. É a única garantía de que as nosas demandas vaian ser escoitadas” concluíu Carril.