OS E AS NACIONALISTAS ORGANIZAN UN ACTO PÚBLICO PARA O VINDEIRO SÁBADO NO QUE ABORDARÁN A SITUACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA E COMO OS RECORTEN AFECTAN A ARZÚA
“Poucos médicos, baixas que non se cobren en tempo e forma, demoras nas citas de até dúas semanas, entre outras moitas cuestións”: o BNG denuncia en Arzúa o deterioro da sanidade pública galega
Chaman á participación masiva na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro domingo, 9 de febreiro
O Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, anunciou hoxe que o BNG organiza un acto público para o vindeiro sábado, 8 de febreiro, no que se abordará “a situación da sanidade pública galega e como os recortes do PP desde a Xunta de Galiza afectan gravemente a Arzúa” explicou Carril.
O acto terá lugar ás 19:30 horas na Capela da Madanela e contará coa participación, ademais de Xoán Xesús Carril, de María Seijo, enfermeira no Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e de Xosé Luís Rivas “Mini”, Deputado do BNG no Parlamento Galego.
“Queremos por sobre a mesa a degradación que a sanidade pública galega está a sufrir tras dez anos de recortes do goberno de Feijóo, algo que desde o BNG vimos alertando desde fai xa moito tempo. En Arzúa constatamos isto coa situación do Centro Médico, colapsado constantemente, con poucos médicos para atender á nosa poboación, as baixas do persoal non se cobren en tempo e forma, as demoras nas citas poden chegar a ser de até dúas semanas, a falta de mantemento do edificio é notable, entre outras moitas cousas” explicou o Portavoz Municipal do BNG.
“É necesario pórlle fin a esta década de demolición dos servizos públicos levada a cabo polo Partido Popular no noso País. A sanidade é un servizo público esencial por iso convidamos a toda a veciñanza de Arzúa a asistir a este acto público así como facemos un chamamento a participar masivamente na Manifestación en defensa da Sanidade Pública que terá lugar o vindeiro domingo, 9 de febreiro, con saída ás 12 horas desde a Alameda de Compostela” concluíu Carril.