A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA PRESENTOULLE AO ALCALDE UNHA COMPLETA BATERÍA DE PROPOSTAS QUE DEFENDE A AMPLIACIÓN DE SERVIZOS E A HUMANIZACIÓN DAS RÚAS E DOS ESPAZOS PÚBLICOS PARA DESFRUTE DA VECIÑANZA

A preocupación por dotar as parroquias de máis servizos e por facer unha Arzúa máis habitábel centran as propostas do BNG para o POS 2022

carril
carril
A preocupación por dotar as parroquias de máis servizos e por facer unha Arzúa máis habitábel centran as propostas do BNG para o POS 2022

Arzúa, 13 de xaneiro de 2022.- O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, presentou hoxe a batería de propostas rexistradas pola organización nacionalista para seren tidas en conta á hora da solicitude do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2022.

“Un ano máis, Arzúa beneficiarase de máis de 600 mil euros que chegan a través do POS da Deputación da Coruña grazas á xestión transparente, equitativa e igualitaria que o BNG practica no goberno desta institución” explicou Carril.

O portavoz nacionalista sinalou que “as propostas do BNG están centradas en dotar as parroquias de máis e mellores servizos, coa ampliación da rede de saneamento e abastecemento de augas ou a mellora no mantemento das pistas e estradas municipais, ambas asignaturas pendentes deste goberno municipal” sonalou.

Así, entre estas propostas figura o inicio da segunda fase das obras de saneamento na Castañeda, o arranxo urxente de pistas en Branzá ou en Oíns e a instalación de puntos de acceso de cobertura móbil e de internet en San Martiño, Dodro e Oíns.

Centrándose xa no casco urbano, desde o BNG propoñen que se teña en conta “a necesidade de ir planificando o inicio da segunda fase de humanización da rúa Fraga do Rei” así como “a cobertura da zona de xogos dos parques infantís. o arranxo urxente das pistas de atletismo así como da tribuna do Campo de fútbol municipal” explicou Carril.

O asentamento poboacional e a xeración de novos postos de traballo en Arzúa tamén están entre as preocupacións das e dos nacionalistas. Así, entre as propostas formuladas contemplan “a creación dun Viveiro de empresas, que facilite o xurdimento de novos proxectos empresariais en Arzúa, xerando novos postos de traballo” explicou Carril. O adecentamento da contorna do Polígono Industrial e a preparación dos infrautilizados edificios da Feira do gando para novos usos, tamén figuran entre as propostas do BNG,

O Plan Especial do Casco Antigo é outra das propostas que centran a atención do BNG. “Levamos anos insistindo na necesidade de que Arzúa desenvolva o Plan Especial do Casco Antigo, de maneira que poidamos recuperar e dinamizar unha zona de importante riqueza patrimonial no noso concello. Insistimos moito na necesidade deste Plan, xa que é a única maneira de revitalizar esta zona do concello, conectada co Camiño de Santiago, e que engadiría atractivo turístico a Arzúa ao tempo que construímos un concello máis humanizado e interesante para vivir” sinalou Carril.

Desde o BNG sinalan que “o obxectivo desta batería de propostas é logarmos unha Arzúa máis habitábel, na que sexa máis cómodo vivir, coa ampliación de servizos e a humanización das rúas e dos espazos públicos para desfrute da veciñanza” concluíu o portavoz do BNG.

A preocupación por dotar as parroquias de máis servizos e por facer unha Arzúa máis habitábel centran as propostas do BNG para o POS 2022