parlamento
Novas
Mini_Carril1

Mini Rivas: “O diñeiro no ensino público non é un gasto, senón unha inversión, por iso denunciaremos a situación que hoxe atravesa o IES de Arzúa no Parlamento, como mostra do perigo que corre o noso ensino público coas políticas do PP”

O Deputado do BNG, Mini Rivas, e o Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, visitaron o IES de Arzúa, onde onte se tiveron que suspender as clases por unha inundación

O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, e o Deputado do BNG no Parlamento galego, Xose Luís Rivas “Mini”, achegáronse na mañá de hoxe até o IES de Arzúa para comprobar de primeira man a situación na que se atopa este centro ante as inundacións sufridas onte, e que obrigaron a ter que suspender as clases.

Mini Rivas asegurou que “levaremos este tema ao Parlamento galego porque o acontecido no IES de Arzúa é unha chapuza sen precedentes” explicou. O Deputado nacionalista referiuse tamén “ás obras que comezaron no verán, con moito retraso e unha falta de previsión asombrosa, e agora atopámonos nesta situación” dixo Rivas.

Desde o BNG consideran que “as condicións nas que se atopa centros públicos como o IES de Arzúa dista moito da imaxe idílica que o Partido Popular pretende vender” salientou Mini que, engadiu, “estas circunstancias tamén son produto dos recortes e ataques ao ensino público que o PP de Feixóo perpetra desde a Xunta de Galiza” destacou o Deputado nacionalista.

Pola súa banda, o Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, sinalou que “desde o BNG unímonos a indignación expresada polo persoal do IES, con máis 100 alumnas e alumnos que onte quedaron sen clase” dixo.

“Demandamos unha solución urxente fronte a esta situación, e a implicación do Concello para isto, é necesario un goberno municipal que non agache a orella fronte á Xunta de Galiza, e que sexa contundente ante situacións vegoñentas coma esta” sentenciou Carril.

“O diñeiro no ensino público non é un gasto, senón unha inversión, por iso denunciaremos no Parlamento a situación que hoxe atravesa o IES de Arzúa, como mostra do perigo que corre o noso ensino público coas políticas do PP” concluíu Mini Rivas.

Ler novas