CARRIL: “TRÁTASE DUNHA ACTUACIÓN GRAVÍSIMA QUE PON EN ENTREDITO A TRANSPARENCIA E A LIMPEZA NA XESTIÓN PÚBLICA DO GOBERNO DE JOSÉ LUÍS GARCÍA”

O BNG pide explicacións pola obra “sen licenza nin autorización de Patrimonio” que o Concello de Arzúa realizou nunha finca ubicada en Vitiriz, no Concello de Melide

Xoán Xesús Carril, candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa
O BNG pide explicacións pola obra “sen licenza nin autorización de Patrimonio” que o Concello de Arzúa realizou nunha finca ubicada en Vitiriz, no Concello de Melide
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, esixiu hoxe ao goberno municipal arzuán “explicacións ante a constatación de que a obra realizada polo Concello de Arzúa nunha finca ubicada no Concello de Melide, concretamente na parroquia de Vitiriz, fose realizada sen licenza nin autorización de Patrimonio” explicou o voceiro nacionalista. “Trátase dunha actuación gravísima que pon en entredito a transparencia e a limpeza na xestión pública do goberno de José Luís García” sentenciou Carril.

Desde o BNG lembran que o Concello de Arzúa anunciou a compra desta finca no ano 2017 sinalando a súa  intención de facer nela un aparcadoiro, como a día de hoxe se constata. Trátase dunha finca na que, para poder obrar, ademais de precisar licenza do Concello de Melide, requeriríase tamén contar cunha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, “pois atópase xunto á igrexa de Vitiriz, un elemento catalogado por patrimonio como Patrimonio Cultural de Galiza e ademais está dentro da zona de amortecemento do Camiño Francés” sinalou Carril.

Xoán Xesús Carril lamentou que o goberno municipal de Alternativa por Arzúa “non sexa tan sequera capaz de dar exemplo coas súas actuacións incumprindo a lexislación e levando a cabo unha obra de todo punto ilegal” sentenciou o candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.

Ademais, desde o BNG poñen en cuestión “que sexamos as e os arzuáns quen pagamos co diñeiro de todos esta obra que vai dar servizo á veciñanza doutro Concello” explican desde o Bloque. “En todo caso, os gastos deberían ser compartidos e o Concello de Melide debería ter aportado a parte proporcional do orzamento que lle correspondese á hora de realizarse esta obra” sinalou Carril.

Denunciamos retrasos de meses na concesión e licenzas de obras

Carril contrapuxo esta forma de actuar do Concello de Arzúa, “que actuou fóra da lei” co feito de que no Concello “haxa veciñas e veciños que levan moitos meses agardando pola concesión de licenzas de obra, existe un claro retraso inxustificado na concesión destas licenzas por parte do actual goberno municipal” explicou o candidato nacionalista.

“A xestión chapuceira do goberno de José Luís García ten consecuencias moi negativas para Arzúa” sinalou Carril. “Arzúa merece moito máis ca o goberno mediocere que tivo nestes últimos 8 anos. Desde o BNG poñémonos a disposición da veciñanza para darlle un xiro ao Concello a partir das próximas Eleccións Municipais do mes de maio” concluíu Carril.

O BNG pide explicacións pola obra “sen licenza nin autorización de Patrimonio” que o Concello de Arzúa realizou nunha finca ubicada en Vitiriz, no Concello de Melide