“MOITOS DOS SINAIS LUMÍNICOS QUE SINALIZAN PASOS DE PEÓNS ESTÁN INACTIVOS OU CUNHA LUZ EXCESIVAMENTE TENUE, O QUE SUSCITA QUE EN DÍAS MOI CHUVIOSOS OU NEVOENTOS SE COMPLIQUE A VISIBILIDADE” APUNTOU CARRIL
O BNG propón que se mellore a sinalización lumínica dos pasos de peóns en todas as rúas do casco urbano
A frecuencia de atropelos que se ten producido suscita a iniciativa dos nacionalistas arzuáns
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, reclamou a inmediata mellora da sinalización lumínica horizontal dos pasos de peóns, para mellorar a seguridade no casco urbano arzuán. Desde a organización nacionalista instan ao goberno municipal a tomar as medidas necesarias para renovar e mellorar a sinalización vial no casco urbano do concello, especialmente no que atinxe aos sinais lumínicos cercanos aos pasos de peóns, para ordenar e favorecer unha circulación rodada e peonil máis segura e minorar as posibilidades dun futuro atropelo ou accidente.
A frecuencia de atropelos que se ten producido nalgúns puntos do casco urbano suscita a iniciativa nacionalista. Desde o BNG rexistrarán no Concello de Arzúa unha moción para que esta cuestión sexa tida en conta polo goberno municipal xa que, argumentan, “a sinalización de seguridade vial no que atinxe aos pasos de peóns está moi deteriorada, moitos sinais lumínicos están inactivos ou presentan unha luz execesivamente tenue, o que suscita que en días chuviosos ou nevoentos se complique a visibilidade” explicou Carril. “Esta deficiente sinalización favorece que se produzan, con frecuencia, atropelos e perigo para as e os viandantes, principalmente nas rúas de Lugo e Santiago, que desde logo hai que intentar evitar ou minorar todo o posible” concluíu o candidato nacionalista á Alcaldía de Arzúa.