REXISTRARÁN INICIATIVAS NO CONGRESO E NO PARLAMENTO GALEGO “ENCAMIÑADAS Á PROTECCIÓN, CONSOLIDACIÓN E POSTA EN VALOR DESTE IMPORTANTE ACHADO ARQUEOLÓXICO” INDICAN.
O BNG reclama a posta en valor do xacemento arqueolóxico aparecido en Vilantime
Instan ao alcalde de Arzúa a “pórse as pilas e comprometerse para que tomen a Arzúa en serio co que supón o achado deste xacemento para o noso concello, tanto do punto de vista cultural e patrimonial, como pola potencialidade turística” sinalou Carril
O Portavoz Municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, visitou o xacemento arqueolóxico de Vilantime, acompañado de Lucía López, tamén concelleira do BNG en Arzúa, e de Xosé Luís Rivas “Mini”, deputado do BNG no Parlamento Galego. “Segundo informou a equipa arqueolóxica trataríase do descubrimento dunha aldea galaico-romana única na Galiza que apareceu a raíz do movemento de terras provocado pola actual construción da autovía A-54, no tramo de obras entre Arzúa e Melide, e cuxo trazado non ficaría afectado por este achado” explicou o portavoz do BNG.
Tal e como expuxeron no Pleno celebrado onte, desde o BNG defenden “a posta en valor deste importante achado arqueolóxico no noso concello. Para isto vai ser necesaria a implicación de todas as administracións públicas, tanto da Xunta de Galiza, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, como do Ministerio de Transportes e tamén o propio Concello de Arzúa, que debe comprometerse co mantemento e a limpeza deste enclave” explicou Carril.
Do mesmo xeito, tamén piden ao Ministerio de Transportes que se vale a parte do xacemento que actualmente está ao descuberto “de maneira que se poida protexer habida conta do interese suscitado e o importante número de visitantes que recibiu o xacemento desde que saltou a noticia” explicou o voceiro nacionalista.
Desde o BNG anuncian que rexistarán iniciativas tanto no Congreso como no Parlamento galego, “encamiñadas a exixir a protección, consolidación e posta en valor deste xacemento” sinalou Carril.
A este respecto a organización nacionalista instará á Xunta de Galiza a “buscar a fórmula xurídica que corresponda para que se poida excavar a parcela lindeira polo sur, que, segundo a equipa arqueolóxica que está a dirixir esta excavación, contería o resto do xacemento” explicaron.
Desde o BNG din “agardar que se teñan en conta estas propostas e que tamén o goberno municipal se poña as pilas, comprometéndose para que tomen a Arzúa en serio co que supón este importante achado para un concello como o noso, tanto do punto de vista de conservación do noso patrimonio e cultura, como polas posibilidades que isto podería traer para Arzua tanto como polo de atracción turística como para estudosas e estudosos da arqueoloxía” concluíu Carril.